Saltar ao contido

María García: “Unha empresa cun contrato público está a violar os dereitos laborais. Se a alcaldesa quere solucionalo, pode contar cos nosos votos”


A Marea Atlántica apoia a folga convocada para o luns polas traballadoras das seis bibliotecas municipais con xestión privada , e que se mantén tras a xuntanza que se produciu hoxe entre o goberno local e o Comité de Empresa. A concesionaria segue sen aboar a paga extra de xuño, e non se compromete a cumprir con futuras nóminas, mentres que o executivo segue sen tomar medidas claras.

“As bibliotecas son un servizo público esencial para o fomento da lectura, a educación e a cultura, e non merecen este trato desigual. Se a alcaldesa quere resolver verdadeiramente o problema e apostar pola municipalización, pode contar cos votos da Marea Atlántica”, declara a nosa voceira, María García. 

Desigualdade na rede de bibliotecas

A rede de bibliotecas municipais conta con centros de xestión 100% pública e con outros que están en mans dunha empresa privada, LTM, o que causa evidentes desigualdades nas condicións laborais e no servizo. Foi un goberno do PSOE o que tomou esta decisión en 2011, deixando seis centros en mans privadas. E foi o goberno da Marea Atlántica o que tentou resolver o problema a través da remunicipalización, unha vía que contou co voto en contra do PP e o Partido Socialista e a abstención do BNG. 

Xa nestes mandato, o equipo de Inés Rey mantivo a xestión privada, aprobando un novo contrato no que a oferta económica era o criterio principal, e que lle foi outorgado á empresa LTM cunha oferta claramente á baixa. O resultado quedou á vista nos últimos meses, cunha concesionaria incapaz de pagar as nóminas e un goberno que só reaccionou ante a ameaza de folga, cando o problema se fixo público. 

“Durante a campaña electoral, e nos seus acordos de investidura, o PSOE prometeu poñer orde o servizo de bibliotecas e unificar a xestión da rede neste mandato. A menos dun ano das eleccións, non fixo ningunha das dúas cousas, pero aínda se pode encamiñar a solución. “para unificar e remunicipalizar toda a rede, a nosa man está tendida”, conclúe María García. 

Apoiamos a folga das traballadoras das bibliotecas privatizadas para reclamar o pago das nóminas que se lles deben