Saltar ao contido

Levamos á Deputación unha iniciativa para instar a PP, PSOE e Alternativa a renovar o seu compromiso co Pacto Antitransfuguismo e expulsar, canto antes, ás concelleiras implicadas nesta manobra antidemocrática

Alberto Lema: “O transfuguismo é unha patoloxía política que hai que combater aló onde se presente e que, como vimos co Concello da Coruña, pode ter consecuencias legais”


A Marea Atlántica quere trasladarlle o seu total apoio a Benito Portela, alcalde de Sada, e á organización municipalista Sadamaioría ante a moción de censura que un pacto entre tránsfugas e desertores pretende levar a cabo o vindeiro venres, 18 de novembro. Nesta liña, levaremos ao Pleno da Deputación Provincial unha moción en rexeitamento desta manobra que vai contra os principios democráticos e contra a vontade que a cidadanía de Sada expresou a través do seu voto. 

Así, na sesión plenaria do 25 de novembro, procuraremos o apoio de todos os grupos da Deputación ao goberno que encabeza Benito Portela e a reprobación das nove persoas que impulsan esta moción de censura. E instamos aos partidos que as levaron nas súas listas, PP, PSOE e Alternativa dos Veciños, a expulsalas canto antes, para deixar clara a súa condición de tránsfugas e renovar o seu compromiso co Pacto Antitransfuguismo. 

O noso voceiro provincial, Alberto Lema, sinala que “o transfuguismo é unha patoloxía grave, que mina a confianza na representación política e que hai que combater aló onde se presente, que, como vimos na Coruña con Mónica Martínez, pode ter consecuencias legais. Por iso agardamos que a nosa moción en apoio a Benito Portela sairá aprobada por unanimidade”. 

O Pacto Antitransfuguismo (asinado en 1998 por PP, PSOE e BNG, entre outros trece partidos) e a Lei de Bases de Réxime Local deixan claro que as concelleiras non adscritas, aquelas que abandonan ou son expulsadas do partido co se se presentan ás eleccións, non poden asumir novos cargos nin aumentos de soldo. E así o ratifica a xurisprudencia, coma a sentenza do Tribunal Supremo do 26 de outubro de 2020 ou a do 13 abril do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 da Coruña, que foi presentada pola Marea Atlántica e que sinala como ilegal o nomeamento de Mónica Martínez como concelleira de Deportes. 

Lembremos que en maio de 2019, a lista de Benito Portela e Sadamaioría foi a máis votada, con case un 30% dos sufraxios. E que encabezou un goberno transparente, participativo e cun alcalde sempre en contacto coa veciñanza. Un proxecto que mellorou a vida da xente de Sada e que agora se ve ameazado pola couza do transfuguismo. 

Con Benito Portela e o goberno de Sada, contra a moción de censura impulsada por tránsfugas