Saltar ao contido

O administrador xudicial da fábrica de aluminios da Coruña anunciou un posible ERTE porque non hai cartos para as nóminas. Confírmase que a venda da antiga Alcoa foi un desastre avalado polo Estado

Reclamamos que o cadro de persoal sexa recibidos en María Pita, tanto pola alcaldesa coma por todos os grupos políticos desde a Comisión de Emprego


O Pleno da Deputación da Coruña amosou hoxe, por unanimidade, o seu apoio ao cadro de persoal da fábrica de aluminios da Coruña e reclamou que se manteñan os 400 postos de traballo nas instalacións de Alu Ibérica. O acordo chegou grazas a unha moción presentada pola Marea Atlántica e en presenza do Comité de Empresa da factoría, que asistiu á sesión plenaria para seguir o debate, e que foi recibido polas nosas voceiras municipal, María García, e provincial, Alberto Lema. O noso grupo foi o único en presentar iniciativas políticas neste Pleno de inicio do curso. 

Como lembrou Lema, “o administrador xudicial das plantas da antiga Alcoa na Coruña e Avilés vén de anunciar un ERTE porque non hai cartos para pagar as nóminas. Confírmase que a venda das fábricas foi unha fraude, un desastre avalado polo Estado. E agora, as institucións teñen que responsabilizarse e tomar partido para evitar o peche dunhas instalacións competitivas e con futuro”. 

Neste sentido, reclamámoslle aos ministerios de Industria e Transición Ecolóxica, e á Consellería de Industria da Xunta, que reciban ao Comité de Empresa de Alu Ibérica. Como debería facer, ante a gravidade da situación, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, que non pode permanecer allea á situación. Do mesmo xeito, consideramos que o cadro de persoal da fábrica de aluminios debería ser recibido por todos os grupos do Concello a través da Comisión de Emprego. 

Nestes momentos, coa recuperación do prezo do aluminio a nivel internacional, é un bo momento para facelo. E para recuperar proxectos coma a produción de “aluminio verde” a través da reciclaxe, que reducirían a pegada ecolóxica da planta. Este enfoque desde a economía cicrular pode converter á Coruña nun referente na fabricación sostible dunha materia prima clave para a economía mundial.

O 17 de outubro de 2017 a empresa multinacional Alcoa, logo de cobrar millóns en axudas públicas, anunciaba por sorpresa e sen negociación previa o peche das súas plantas na Coruña e Avilés. Desde aquela data deica hoxe, só a loita sindical impediu a clausura das instalacións. Estamos ante un caso que pon de manifesto o fracaso das políticas privatizadoras de Aznar, que supuxeron, a venda da empresa pública Inespal a Alcoa por un prezo inferior ao seu valor contable. 

A factoría atópase intervida e en mans dun administrador xudicial. Un proceso que axudará a esclarecer a fraude cometida por Alcoa, Parter e o Grupo Riesgo no proceso de compravenda. Pero non impedirá o peche de Alu Ibérica se non hai un compromiso político de loitar polo futuro da industria. 

So a Marea Atlántica presentou iniciativas políticas neste Pleno

A Marea Atlántica foi, por certo, o único grupo político que presentou mocións neste Pleno provincial que supón o inicio dun novo curso. Levamos aínda outra iniciativa para reclamar a fin dos recortes en educación por parte da Xunta, e apoio ao ensino público nestes primeiros días do curso. 

Como xa acontecera onte, esta iniciativa foi aprobada co voto de todos os grupos agás o PP, que nega que existan os recortes que denuncian desde os sindicados, o profesorado e as ANPAs. 

Este é o terceiro curso escolar afectado pola Covid19, con toda a comunidade educativa facendo un esforzo importante para adaptarse á situación sanitaria. Un esforzo ao que a Xunta responde con decisións que “lonxe de axudar nun momento de fatiga acumulada, dificultarán aínda máis unha educación de calidade para a infancia”, segundo sinala o texto da moción que levaremos ás sesións plenarias local e provincial. 

O goberno de Feijóo naceu xa coa tesoira na man. Desde a súa chegada á Xunta en 2009 pechou 138 centros públicos de ensino, pese a que as matrículas do alumnado aumentaron un 8% no mesmo período. Nese tempo, o orzamento da Consellería de Educación reduciuse en 113 millóns de euros. E, en contrapartida, só este ano aumentaron en 16 os centros concertados. Isto é unha aposta decidida por desmantelar o público.

Unanimidade na Deputación para darlle apoio ao cadro de persoal de Alu Ibérica, nunha iniciativa da Marea Atlántica