As consecuencias da pandemia, a inflación e a disparatada suba da luz están a ter graves consecuencias na actividade do Club do Mar de San Amaro, que xestiona unha piscina de uso municipal
María García: “Falamos dunha asociación sen ánimo de lucro activa desde 1935, foco irradiador de cultura, deporte de base e punto de encontro no barrio. Pedímoslle á alcaldesa que sente coa directiva para atopar solucións”
A voceira municipal e o voceiro provincial da Marea Atlántica, María Garcia e Alberto Lema, mantiveron unha xuntanza coa directiva do Club do Mar de San Amaro, para coñecer a súa situación e trasladarlles o noso apoio e vontade de colaboración. Dun lado, a pandemia trouxo un descenso do número de persoas asociadas, doutro, o incremento da inflación e, moi especialmente, da factura da luz disparou os gastos no último ano sobre todo na piscina, o que deixa á entidade nunha delicada situación financeira.
“O Club do Mar é unha sociedade histórica na Coruña, sen ánimo de lucro e con case un século de actividade, polo que lle pedimos á alcaldesa e ao goberno local que senten coa directiva para atopar solucións”, explica María García tras a xuntanza de hoxe. Cómpre lembrar, tamén que a piscina do Club do Mar funciona coma unha instalación municipal de acceso público e da servizo a centos de persoas en Monte Alto e Durmideiras.
Fundado en 1935, o Club do Mar de San Amaro é unha auténtica institución na Coruña, especialmente nos barrios de Monte Alto e Durmideiras, polo seu traballo da promoción dos deportes marítimos a través das súas escolas deportivas, e polos servizos que lle presta á veciñanza. O goberno local da Coruña ten que implicarse para garantir a súa continuidade.
Unha Concellería que non se implica
A nosa voceira lamentou que desde a Concellería de Deportes, “se están a priorizar os eventos e as fotos, pero o traballo de xestión diario e os equipamentos nos barrios están completamente descoidados: o Club do Mar é un caso máis, pero tampouco se aborda a situación do polideportivo de San Diego, a apertura do do Castrillón, non se renovan as concesións, os conserxes das instalacións deportivas teñen dificultades para cobrar…”.
García engade que “Desde a Marea Atlántica queremos trasladarlle todo o noso apoio á xente do Club do Mar, e ofrecerlles a nosa colaboración para superar esta complicada situación financeira. Reclamámoslle ao goberno local que escoite e dea a esta entidade o trato que merece” Pediremos explicacións na Comisión de Deportes, convocada para o 20 de xullo.
Problemas nas instalacións do polideportivo de San Diego
Doutra banda, a Marea Atlántica quere trasladar as queixas que diversas persoas usuarias do polideportivo municipal de San Diego, cuxa xestión atópase en mans da empresa privada Supera. Denuncian falta de persoal, deficiencias nas instalacións, constantes cambios nos monitores dos cursos e desperfectos nos vestiarios, teitos, duchas, etc.
A empresa Supera acumula numerosos incumprimentos na concesión de San Diego, que non respectou nin durante a pandemia, pero continúa a xestionar o polideportivo cunha concesión que leva dous anos e medio caducada. O goberno local anunciou a renovación dos pregos anunciouse en xuño de 2021, xunto cos das instalacións deportivas do Castrillón, pero non se volveu a saber nada máis delas.
Seguen os problemas para cobrar nas conserxerías
Una vez máis vemos os problemas de deixar servizos públicos en mans de empresas privadas, tendo en conta unicamente a oferta económica. Un deterioro evidente e mesmo problemas laborais graves, coma no caso das bibliotecas e as conserxerías das instalacións deportivas. Neste último caso, constatamos que Serviplus segue sen pagar as nóminas que adebeda, de novo ante a pasividade do goberno local.
Na Comisión de Deportes instaremos, unha vez máis, a municipalizar os polideportivos do Castrillón e San Diego e pediremos que o executivo local tome medidas contra Serviplus por impago de salarios.
Finalmente, preguntarémoslle ao goberno local polos motivos que levan a pechar sistematicamente o Pazo dos Deportes de Riazor para eventos non deportivos e, nalgúns casos, mesmo de natureza privada. Non se entende a insistencia en causar dificultades para as competicións oficiais do Liceo e o Basquet Coruña, entre outros inconvintes ás persoas usuarias.