A Coordinadora da Marea o seu apoio e solidariedade coa concelleira de Participación e Innovación Democrática tras coñecer a través dos medios que esta será chamada a declarar no marco do procedemento xudicial aberto a partir dunha denuncia do PP
A Coordinadora da Marea Atlántica quere manifestar de forma pública o seu total apoio e a súa solidariedade coa concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, logo de coñecerse a través dos medios de comunicación que será chamada a declarar no marco do procedemento xudicial aberto a raíz dunha denuncia do Partido Popular, que trata de poñer en dúbida o concurso público, restrinxido a entidades sen ánimo de lucro, para a dinamización do antigo cárcere. Así o acordou esta mañá nunha resolución aprobada por unanimidade na que pon tamén todas as capacidades e todos os recursos da organización ao servizo da defensa da edil.
A Marea Atlántica desexa evidenciar a súa absoluta confianza no traballo desenvolvido pola concelleira, que cumpriu con total honestidade, transparencia e respecto á legalidade cun mandato da Rede recollido ademais no programa electoral co que esta formación se presentou e gañou as eleccións de maio de 2015. As dilixencias previas abertas no xulgado daranlle á concelleira, por primeira vez, a oportunidade de explicar diante da xuíza todo o proceso. Un proceso de pública concorrencia polo que se lle adxudicou a unha entidade sen ánimo de lucro, sen contraprestación económica ningunha, a dinamización dun equipamento aberto a toda a cidadanía.
O PP busca no xulgado o que non consegue pola vía democrática
A encomenda que a Marea Atlántica lle fixo á concelleira foi a de recuperar para a cidadanía unha infraestrutura tan simbólica e sensible como o antigo penal. Agradecemos, por tanto, o traballo que se fixo e que se está a facer para transformar un lugar de represión nun lugar de memoria, futuro e participación. O Partido Popular pretende conseguir nos tribunais o que é incapaz de acadar pola vía democrática: impedir o uso cidadán da antiga prisión provincial para poñer eses terreos en mans dos que o financian pola porta de atrás para gobernar sen presentarse ás eleccións.
Condenamos, por tanto, a forma de actuar do Partido Popular, que vai unha vez máis coa mentira por diante e os intereses especulativos por detrás. Esta denuncia, absolutamente infundada, agocha en realidade o seu rexeitamento ante todas aquelas políticas que traten de dar voz á veciñanza e que aposten pola apertura á xente de espazos que, para eles, tan só son unha oportunidade especulativa máis. O seu rexeitamento ao noso modelo de cidade.
Confiamos en que o xulgado, unha vez rematadas as investigacións que considere pertinentes, poña no seu sitio as acusacións realizadas polo Partido Popular, que nun burdo intento de igualar á Marea Atlántica coas súas habituais prácticas irregulares nas administracións públicas trata de facer crer que existe prevaricación nun procedemento de concorrencia competitiva e sen contraprestación económica limitado a entidades sen ánimo de lucro.