Saltar ao contido

Tras a detención de tres responsables no rexistro das instalacións do Grupo Riesgo, actual propietario da fábrica de aluminios da Coruña, esíximoslle ao Ministerio de Industria unha intervención inmediata

Inés Rey segue sen reunirse co cadro de persoal e sen dar un apoio claro, mentres a alcaldesa de Avilés lidera a defensa das instalacións industriais na súa cidade

A Marea Atlántica saúda os avances da investigación xudicial sobre a venda fraudulenta das fábricas de aluminios da Coruña e Avilés, ata hai pouco en mans de Alcoa e controladas polo Grupo Riesgo desde abril de 2020, baixo o nome de Alu Ibérica. Os últimos feitos dánlle á razón ao cadro de persoal, que levaba tempo denunciando o desmantelamento da fábrica e os ataques aos dereitos laborais. Como sempre fixemos, trasladámoslles todo o noso apoio, pedímoslle á alcaldesa da Coruña que apoie de xeito decidido o mantemento da factoría, e ao Ministerio de Industria que interveña canto antes.

Tras a denuncia dos representantes sindicais, a Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal da Policía nacional rexistrou onte as instalacións de Riesgo na Coruña e Avilés. Tamén houbo rexistros ligados á investigación sobre a venda das factorías de Alcoa en Castellón, Málaga e Madrid coa detencióin de tres persoas nas dúas últimas cidades. Todo isto, no marco dunha investigación solicitada pola Audiencia nacional para determinar se nas plantas da coruña e avilés hai unha “despatrimonilización fraudulanta”. É dicir, para investigar se, como os e as traballadoras levan meses denunciando, o novo dono de Alu Ibérica está a afundir unha factoría que da emprego a centos de familias na nosa cidade.

O silencio de Inés Rey e de Reyes Maroto

Esta operación chega poucos días despois de que o xulgado do Social nº1 da Coruña condenase a Alu Ibérica por lesionar o dereito á folga, e mentres pesa un despido ilegal sobre varios integrantes do Comité de Empresa. Por desgraza, os avances na fronte xudicial non se están a reproducir no eido político.

A nível local, Inés Rey continúa sen reunirse co cadro de persoal da fábrica de aluminios, que en cada mobilización se pregunta “onde está a alcaldesa?”, que non dá a cara para defender 400 postos de traballo na Coruña. A súa pasividade contrasta, unha vez máis, co apoio decidido da alcaldesa de Avilés, Mariví Monteserín, tamén do PSOE, que si se está a implicar de xeito claro.

Tamén resulta enxordecedor o silencio do Ministerio de Industria, que avalou a venda das fábricas de Alcoa a outra empresa, Parter. E nada dixo desde que este fondo suizo se desfixo delas de xeito fraudulento deixándoas en mans de Riesgo, congolomerado de empresas que non acreditou ter solvencia suficiente para garantizar o futuro da planta. Urxe unha intervención desde o Estado para protexer a industria e o emprego, antes que os intereses das grandes empresas.

A Marea Atlántica celebra o avance da investigación xudicial na venda irregular da antiga Alcoa e pídelle a Inés Rey que tome partido polo emprego industrial