A fábrica está sen actividade desde o 28 de agosto e intervida polo Estado, tras unha venda fraudulenta avalada polo o Ministerio de Industria, pero os gobernos seguen sen comprometerse coa súa continuidade
A planta da Coruña ten potencial para converterse nun referente na produción de aluminio verde
A Marea Atlántica solicita que a Comisión de Emprego do Concello reciba ao Comité de Empresa da fábrica de aluminios da Coruña, a antiga Alcoa, para escoitar as súas demandas. Neste organismo están presentes todos os grupos políticos, e darlle audiencia á representación sindical de Alu Ibérica é un xeito de apoiar a súa loita polo emprego e o futuro da industria na comarca. A situación é crítica, con 400 postos de traballo en xogo, e desde o eido institucional cómpre un posicionamento firme.
O concelleiro Alberto Lema mantivo hoxe unha xuntanza con Comité de Empresa de Alu Ibérica, no que lle trasladaron a súa preocupación pola situación da factoría, que leva pechada desde o 28 de agosto por orde do administrador xudicial, e xa nos meses previos mantiña unha actividade mínima, moi por baixo da súa capacidade produtiva. “Lamentablemente, o goberno local segue sen reunirse coa representación sindical da antiga Alcoa, polo que propoñemos que se lles dea audiencia na Comisión de Emprego”, resumiu Lema.
Nestes momentos, coa recuperación do prezo do aluminio a nivel internacional, é un bo momento para facelo. E para recuperar proxectos coma a produción de “aluminio verde” a través da reciclaxe, que reducirían a pegada ecolóxica da planta. Este enfoque desde a economía cicrular pode converter á Coruña nun referente na fabricación sostible dunha materia prima clave para a economía mundial.
Os límites da vía xudicial
Tras un proceso de venda fraudulento, en 2018, as instalacións de Alcoa remataron en mans do Grupo Riesgo, unha firma que se comporta coma un fondo voitre. Nestes momentos, a fábrica está intervida por parte do Estado e investigada polas súas prácticas fraudulentas. Pero non abonda co traballo xudicial, é necesario o compromiso do Ministerio de Industria, que no seu día avalou a operación de venda para recuperar a actividade.
Porque, como sinalan desde o Comité de Empresa, o traballo da Xustiza é evidenciar as prácticas ilegais do Grupo Riesgo, pero non evita o peche da fábrica. Como proba dos límites da vía xudicial, temos que sinalar que a pesar de que Alcoa foi condenada en xuño polo despido fraudulento de 5 traballadores na Coruña e outros tantos en Avilés, estas persoas continúan na súa casa, sen readmisión nin indemnización.
Por todo isto, consideramos que o Concello da Coruña non pode permanecer alleo á situación e, desde a Comisión de Emprego, facer un xesto para apoiar a loita dos traballadores e traballadoras do aluminio.