Na Rede celebrada hoxe na sede da Marea Atlántica, aprobáronse os resultados das negociacións co PSOE
Salientouse a necesidade de colaborar para que o Concello da Coruña manteña políticas para o ben común, e na necesidade de supervisar o grao de cumprimento dos acordos
A Rede, o máximo órgano de toma de decisións da Marea Atlántica, aprobou hoxe por unanimidade as bases do acordo para os Orzamentos 2020 no Concello da Coruña, e delega no grupo municipal a súa concreción final. Froito das negociacións co PSOE nas últimas semanas, estanse a elaborar unhas contas netamente progresistas, que seguen a liña de políticas do ben común iniciada en 2015, baixo o mandato de Xulio Ferreiro.
Deste xeito, os votos da Marea Atlántica no Pleno de María Pita serán garantía de que continúen as políticas do ben común no Concello da Coruña, e por este motivo a Rede inclinouse a apoiar os resultados das conversas co Partido Socialista e a ofrecer toda a nosa colaboración para desenvolver as medidas que alí se recollen. Fixo, non obstante, un chamamento a supervisar de preto o cumprimento deste acordo, como garantía de que este traballo conxunto dea resultados que beneficien á cidadanía.
As bases deste proxecto de contas municipais son as que xa se adiantaran ao inicio das negociacións do PSOE: loita contra a emerxencia climática, benestar social de proximidade e feminismo, mobilidade sostible, dereito á cidade e á vivenda e reparto xusto dos investimentos entre os barrios. Os detalles daranse a coñecer proximamente.