Varios membros da candidatura da Marea Atlántica (Xiao Varela, Daniel Díaz Grandío e Santiago Lamelo) acompañaron este martes pola mañá a unha representación da Asociación de Veciños de Novo Mesoiro ata a Delegación da Xunta na Coruña, onde estes entregaron no rexistro as 3.970 sinaturas que recolleron en menos dun mes para reclamar a construción dun centro educativo (un CPI, Centro Público Integrado) no barrio.
A reclamación do centro escolar é, segundo suliñan dende a directiva a asociación veciñal, unha vella reclamación que respalda todo o barrio, no que residen uns 1.900 nenos menores de dez anos. Foron os pais os que iniciaron a campaña para obter apoios a súa demanda. “A nós cando nos venderon o barrio había un espacio para o centro. E máis, no bipartito, no 2008, xa había unha partida orzamentaria, e no 2009 había outra, pero nunca o fixeron”, lamentan dende a asociación de Novo Mesoiro.
Os membros da Marea escoitaron as reivindicacións da veciñanza, que —como indicou o secretario da Asociación, Xosé Aller— critica á Xunta por non dar resposta a súa demanda: “Os gobernos autonómico e o municipal só din que se dan tres anos para pensalo, pero a necesidade é inmediata, hai que empezar a facer xa o colexio, somos o barrio que, proporcionalmente, máis fillos debe de ter, pero somos os que con menos equipamento escolar contamos”.
A Marea apoia as reivindicacións da veciñanza de Novo Mesoiro e censura “o silencio do señor Negreira, que prefire amosarse servil ante a Xunta para defender ao seu partido que poñerse claramente do lado da cidadanía”.