A Marea renuncia aos créditos bancarios para “manter a independencia” e inicia unha campaña de financiamento cidadán para afrontar a campaña electoral
A plataforma cidadá coruñesa dáse até o 5 de maio para xuntar 12.000 euros en achegas “individuais e identificables” que formen un presuposto de campaña “do que renderemos contas públicas”. “Pedimos a participación da cidadanía porque a nosa lealdade está coa xente e non cos bancos”
A Marea Atlántica pon en marcha un espazo dixital, achegas.mareatlantica.org, no que lanza unha campaña de financiamento cidadán co que afrontar os numerosos gastos da campaña electoral para os comicios municipais do 24 de maio. A plataforma cidadá coruñesa marcouse o reto de conseguir 12.000 euros en 20 días -o prazo remata o 5 de maio- para o cal permite doazóns de entre 10 e 3.000 euros. “Moitas pingas xuntas enchen un mar enteiro” é o lema que a Marea utiliza para este obxectivo, que foxe de hipotecas con entidades financeiras.
“A Marea Atlántica ten un proxecto para A Coruña: unha cidade democrática xusta, transparente e sostible. E sabe como poñelo en práctica. Sabemos o que queremos, e o vindeiro 24 de maio temos unha oportunidade histórica para gañar María Pita para a cidade e facer realidade este desexo común. Só co teu esforzo poderemos facer unha campaña gañadora e sen deberlle nada a ningunha entidade financeira que poida comprometer a nosa independencia. Todas as persoas podemos achegar unha pinga a esta onda que medra cada día: pon a túa. Fai unha achega, a que poidas, para que medre a Marea Atlántica”, di o chamamento que fai a plataforma no seu web, no que explican as razóns que motivaron a súa aposta pola colecta cidadá: “As subvencións electorais só chegan pasado un ano da campaña, por iso os partidos adoitan recorrer a outros fondos de financiamento, por exemplo os créditos bancarios. Na Marea Atlántica queremos facer política dun xeito diferente. O noso código ético estipula claramente que renunciamos a pedir créditos bancarios que poidan coartar a independencia política da candidatura. Esta decisión lévanos a explorar outras formas de financiamento. Para iso, pedimos a participación da cidadanía: queremos que a nosa lealdade estea coa xente e non cos bancos”.
A Marea Atlántica especifica que só poderán facer ingresos “persoas físicas”. “Non aceptamos achegas de asociacións nin de empresas de ningún tipo. Para evitar doazóns opacas das que non se coñeza o autor e en cumprimento da lei solicitaremos a identificación da persoa doante, con nome completo e DNI de quen fai o donativo. Cando acabe a campaña, porémonos en contacto con todas as doantes para preguntar se queren aparecer na lista de agradecementos”, adianta a Marea na súa páxina de internet.
Dentro da súa aposta pola transparencia, Marea Atlántica anuncia que “renderá contas públicas dos ingresos e gastos de forma trimestral”. A maiores, xa explica agora para que precisa os cartos, de forma detallada: “500 euros serán para o sistema de votacións, xa que implementar o sistema para as eleccións primarias contamos con colaboracións voluntarias, pero tamén cos servizos da empresa especializada AgoraVoting. Tamén, desde o mes de marzo contamos cun local da Marea Atlántica, imprescindíbel para levar a cabo as xuntanzas de Rede, reunións, celebración de actos públicos, primarias, etc… para cuxo aluguer se precisan 3.500 euros. O proceso de elaboración do programa da Marea Atlántica está a ser colectivo e participativo. Para manter este carácter, necesitamos facer unha tirada ampla do documento impreso, para que chegue a cidadanía, para o que son necesarios 2.500 euros. Así mesmo, Marea Atlántica está a xerar unha gran ilusión polo cambio político na nosa cidade, pero temos o inconveniente de que a nosa candidatura é nova, menos coñecida pola cidadanía que os partidos tradicionais. Para facer chegar ao máximo de persoas posibles a información da Marea, estamos a elaborar adhesivos, panfletos, trípticos, carteis… o que ten un custo de 3.000 euros. O equipo técnico para organizar todas as charlas, roldas de prensa e outros actos que faremos de agora en diante destinaranse 2.000 euros e, por último, 500 son necesarios para os gastos legais, burocráticos e administrativos imprescindibles: notaría, documentación, etc…”.