Saltar ao contido
Unha muller con paraugas vermello e máscara quirúrxica

En termos globais, quedou sen gastar un millón de euros do plan de choque contra a pandemia, sen que o goberno tivese a iniciativa política necesaria para redistribuilo

Mañá solicitaremos na Comisión de Facenda, unha vez máis, dilixencia para resolver as axudas a pemes e autónomos que seguen pendentes de pago

O grupo municipal da Marea Atlántica denuncia que, rematado o ano 2020, fican sen executar máis da metade dos fondos do plan de choque contra a pandemia, o chamado Presco. Tal e como denunciamos hai unas semanas, o goberno de Inés Rey está a ofrecer datos absolutamente manipulados para celebrar o funcionamento do Presco, pero a realidade é que todos os cartos previstos para reforzar a Renda Social Municipal e as axudas de emerxencia quedaron na caixa, ao igual que os da bolsa de alugueiro e boa parte dos destinados ao servizo de canguraxe.

O noso vicevoceiro, Iago Martínez, explica que “no cómputo global, queda sen executar algo máis dun millón de euros do plan de choque contra a pandemia, sen que o goberno fixese nada para distribuílo nas áreas que quedaron sen fondos. Nestes momentos nos que cada euro público conta, ao goberno faltoulle axilidade e iniciativa política”. 

Un bo exemplo desta falta de seguimento son os bonos de incentivo ao comercio, unha boa idea mal executada. Mentres o exitoso Bono Cultura, dotado con 355.000 euros, esgotouse deixando colgadas a varias librarías de barrio, no Bono Hostalería quedaron 400.000 euros sen investir, debido aos peches e as medidas restritivas que afectaron a este sector. “O PSOE terá que explicar por que non trasladou eses cartos para onde eran máis necesarios”, argumenta o Concelleiro. 

O misterio das axudas aos sectores afectados pola crise

O vindeiro luns, 4 de xaneiro, Martínez trasladará estas críticas na Comisión de Facenda e demandará, unha vez máis, axilidade no pago das axudas, onde todo apunta a que haberá varias liñas que non cheguen a esgotarse: é o caso dos cartos previstos para apoiar a contratación de novo persoal, a adaptación dos locais ás medidas sanitarias e a modernización tecnolóxica. E, unha vez máis, o executivo local non tivo a previsión de redistribuír as partidas para reforzar as axudas máis solicitadas. 

Nestes momentos, por certo, segue sen ser público cantas das axudas a pemes, micropemes e autónomos previstas chegaron realmente a quen as precisa, pois a información que ofrece o concelleiro de Facenda, José Manuel Lage, está máis pensada para a propaganda que para a transparencia. 

O Presco foi aprobado en maio, co apoio unánime da oposición, pero Inés Rey e o seu equipo demostraron que non son quen de xestionalo. Pedirémoslle, de novo, que polo menos cumpra o acordo asinado coa Marea Atlántica e o BNG o 10 de decembro, resolva a situación e convoque unha mesa de diálogo antes do 31 de xaneiro. 

Finalmente, temos que sinalar que máis de 165.000 euros correspondentes ao Presco destináronse asistencias técnicas e contratos asinados a dedo con empresas privadas, externalizando unha xestión que debería terse asumido desde o pazo de María Pita. 

Máis da metade do eixo social do Presco quedou sen executar ao remate de 2020