María García: “Esixímoslle á Xunta que dea marcha atrás nos recortes deste servizo, e ao Concello que mobilice os recursos dispoñibles en lugar de aceptar o que manda Feijóo”
Silvia Cameán: “É falso que non haxa recursos, o goberno ten a metade do orzamento sen executar, un novo contrato pendente e máis de 11.000 horas sen asignar. Hai centos de familias agardando”
A voceira da Marea Atlántica, María García, e a concelleira Silvia Cameán ofreceron hoxe unha rolda de prensa para denunciar o grave recorte no Servizo de Axuda a Domicilio para persoas maiores e dependentes. “Desde hoxe vaise producir un recorte de horas que afectará a persoas de máxima vulnerabilidade. É gravísimo, polo desamparo que xera nas afectadas e coidadoras, mulleres na inmensa maioría, e mesmo nas traballadoras do servizo, case todas tamén mulleres, desbordadas e precarizadas”, sinalou García.
“Hai que ter ben claro que significa na práctica este recorte de horas no Servizo de Axuda no Fogar”, engadiu Garcia. “Que persoas maiores e dependentes, que actualmente reciben un apoio de 1 ou 2 horas diarias para tarefas tan importantes coma comer, ducharse, erguerse, deitarse ou lavar a roupa van ver reducida a atención dun servizo tan esencial coma escaso. Se xa no caso de persoas con rede familiar é grave, para persoas que viven soas é absolutamente inaceptable”.
E engadiu que “é unha enorme irresponsabilidade que as dúas administracións competentes se dediquen a botarse as culpas no canto de sentarse a buscar solucións. Pedímoslle á Xunta que corrixa os recortes e ao goberno muncipal que empregue os seus recursos en lugar de obedecer a Feijóo: ten horas sen asignar e 600.000 euros no Orzamento, grazas ás propostas da Marea Atlántica. Pedímoslle que as use de inmediato para axudar aos fogares con persoas maiores e dependentes”.
Recursos nunha situación excepcional
Silvia Cameán lembrou que nas últimas semanas, a Xunta de Galicia recortou horas no Servizo de Axuda a Domicilio para persoas maiores e dependentes, nunha nova mostra da insensibilidade de Alberto Núñez Feijóo. A resposta do goberno de Inés Rey non foi mellor. “Só din que non poden facer nada porque “non hai cartos”. É falso: teñen gran parte do orzamento sen executar e, o que resulta máis grave, teñen 11.865 horas ao mes sen asignar. Suficientes para atender a 169 persoas nun grao III de dependencia, as máis dependentes”.
Por iso, as concelleiras instaron ao executivo local a licitar canto antes o novo contrato de Axuda no Fogar introducido pola Marea Atlántica nos Orzamentos 2020 e aínda pendente. E mentres o tramitan, poden ampliar as horas dos catro contratos actuais, xa que a Lei de Contratos permite facelo en caso de circunstancias excepcionais e imprevistas, como na pandemia que estamos a vivir.
“Non temos os datos concretos da execución do Orzamento en Servizos Sociais, porque o goberno só os dá cando se trata de xustificar un linchamento político, pero si sabemos que a área de gasto de Protección e Promoción Social só tiña investido o 48% dos seus recursos a 31 de outubro. A execución global do Orzamento é do 54%, como xa sinalamos hai uns días. En novembro, quedan 145 millóns de euros nas arcas municipais sen gastar, máis que suficiente para cubrir eses 125.000 euros mensuais”, detallou María García.
De igual xeito, a lei permite simplificar os circuítos internos de tramitación dun SAF para dar unha resposta máis áxil e reducir o tempo de agarda para recibir a axuda.
A responsabilidade da Xunta
Silvia Cameán sinalou que a principal responsable dos recortes en materia de dependencia é a Xunta de Galicia: “É necesario que lle dean marcha atrás aos recortes acumulados, nos últimos anos e volvan ás 90 horas de atención no SAF para as persoas dependentes en grao III, imprescindibles para moitas familias. Como é necesario que elimine as distintas incompatibilidades entre servizos, como por exemplo asistir a un centro de día e recibir axuda no fogar”.
A concelleira fixo un chamamento a axilizar os trámites na valoración do grao de dependencia, que acumula ata dous anos de atraso, e a continuar cos trámites para a eliminar os inxusto copago que o PP implantou neste servizo, castigando ás familias con menos recursos. Un copago que, na Coruña, tamén pode eliminar o Concello: xa teñen o expediente realizado, con memoria xustificativa, memoria económica, informes asesoría xurídica, informes xestión tributaria… Foi unha iniciativa nosa e o PSOE vetou que se debatese no último Pleno Extraordinario”, lembrou Cameán.
Man tendida coa solución
A nosa voceira sinalou que existen graves problemas na Concellería de Servizos Sociais: “Unha área fundamental nestes momentos de crise está desbordada e non chega a quen máis o precisa. E aquí, a pandemia non pode ser unha excusa. Ao contrario, a pandemia é o motivo polo que Servizos Sociais debería redobrar esforzos”.
Lembrou os atrasos nas bolsas comedor, que aínda a semana pasada veñen de ampliar fondos; os longos tempos de espera na Renda Social Municipal ou o desartellamento do Sevizo de Atención Inmediata, creado no pasado mandato para aquelas persoas que precisan atención urxente porque as van botar da casa ou cortarlles a luz. Daba atención no mesmo día pero agora o tempo medio de agarda é de 20 días.
Hai solucións, e volvemos tenderlle a man ao goberno para aplicalas, comezando por mobilizar os recuros dispoñibles e aprobar uns orzamentos 2021 adaptados á situación de crise. “Señora Rey, céntrese, deixe de gastar forzas en crises de goberno e guerras internas do PSOE e póñase a gobernar. Para iso, pode contar co noso apoio”, remata María García.