O PSOE incumpre outra vez o pactado e malia contar con partida no orzamento do ano pasado, nin sequera comezou a redactar o expediente. Isto supón un atranco importante para un deporte arraigado na cidade e con éxitos salientables
Hai anos que a Agrupación de Montañeros Independientes vén reclamando a ampliación do rocódromo e a súa homologación, para traer á Coruña competicións oficiais de nivel internacional
É urxente e importante ampliar o rocódromo de Riazor e tramitar a súa homologación para pór en valor de novo o montañismo e a canteira de escaladores coa que conta A Coruña, pero o PSOE incumpre unha vez máis o pactado e deixa sen levar a cabo esta obra a pesar de contar cunha partida específica no orzamento do ano pasado.
“Reunímonos coa Agrupación de Montañeros Independentes e constatamos a súa preocupación polo retraso acumulado na ampliación do rocódromo, que debe facerse canto antes tendo en conta a súa homologación para que poida incorporarse aos circuítos oficiais de competicións. É unha auténtica mágoa que tendo canteira e tradición deste deporte non poidamos albergar probas federadas, nin optar ao Campionato do Mundo, con todos os beneficios asociados que suporía para A Coruña” sinalou a concelleira da Marea Atlántica, Claudia Delso, que continúa: “O rocódromo da Coruña foi un referente internacional, o primeiro cuberto do Estado, e debería volver selo, por iso urxe a súa ampliación.”
Moción reclamando un maior compromiso cos colectivos
O desleixo do goberno local cara esta instalación contrasta cos recentes anuncios de novas instalacións deportivas como a de Xuxán, que está lonxe de materializarse, ou a pista de skate da praza José Toubes, en Catro Camiños, que recibiu duras críticas da Asociación Coruña de Skaters (ACS) por non axustarse ás súas demandas e por ter mudado o proxecto aprobado no anterior mandado pola Marea Atlántica, de acordo co colectivo. No vindeiro Pleno presentaremos unha moción reclamando todos estes compromisos pendentes, así como un maior diálogo co asociacionismo deportivo.