Saltar ao contido
Avión Vueling

Alberto Lema: “É inaceptable que o Concello asine un convenio de 900.000 euros con esta aeroliña e sexa incapaz de manter as rutas. O desleixo de Inés Rey aumenta cada día”

Baixo o mandato do PSOE, o aeroporto non deixa de acumular malas noticias: Volotea retírase, eliminando a conexión a Bilbao, despois de perder xa os destinos de Valencia e Málaga. Ademais Vueling elimina o seu avión con base en Alvedro

A Marea Atlántica lamenta a perda dun novo enlace no aeroporto de Alvedro, tras coñecerse hoxe que a ruta con Londres non se reactivará en setembro por decisión unilateral da compañía Vueling. 

Como sinala o concelleiro Alberto Lema, “é inaceptable que tras asinar un convenio de 900.000 euros anuais con Vueling, o Concello sexa incapaz de esixirlle que manteña a conexión con Heathrow, unha ruta fundamental pola súa conexión con outros moitos destinos europeos e intercontinentais. A ineficacia e o desleixo do goberno municipal aumenta cada día. Reclamámoslle que negocie para conservar esta ruta e se implique no futuro de Alvedro”. 

A perda do voo a Londres súmase á desaparición dos enlaces de Vueling a Valencia e Málaga, á redución de frecuencias con Barcelona e Sevilla, e á retirada do avión da aeroliña con base na Coruña, destruíndo máis de 20 postos de traballo. “No seu momento instamos ao goberno municipal a non renovar o convenio coa aeroliña se non daba marcha atrás a estes recortes. A nosa proposta foi ignorada, e agora vense as consecuencias, un total desperdicio de recursos públicos nun momento de emerxencia, cando son máis necesarios ”, engade Lema. 

Na última semana tamén se fixo pública a retirada da compañía Volotea, deixando ao aeródromo coruñés sen a súa conexión con Bilbao, a pesar de que o concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, prometera mantela e mesmo aumentar a presenza desta aeroliña. 

Alvedro pechou 2019 batendo o seu mellor rexistro histórico de viaxes, pero o goberno do PSOE amósase incapaz de manter esta herdanza. Unha vez máis, instamos a Inés Rey a explicar que xestións se realizaron ou se están a realizar desde o seu goberno para frear a cadea de malas noticias no aeroporto de Alvedro, unha infraestrutura de vital importancia para o desenvolvemento económico da Coruña e a súa área. 

A Marea Atlántica esíxelle ao goberno municipal que negocie con Vueling para manter a conexión de Alvedro con Londres