Saltar ao contido
Vueling

O aeródromo coruñés queda sen trinta empregos directos, e non consegue recuperar a crucial conexión diaria con Londres-Heathrow

Alberto Lema: “Estamos a ver os resultados de dous anos e medio de desleixo e desinterese por Alvedro. Hai que traballar para reconducir a situación”

A Marea Atlántica pediralle ao goberno local, no Pleno deste 3 de febreiro, que valore os resultados da súa política aeroportuaria, tras a perda de varias conexións en Alvedro, entre elas o crucial enlace diario con Londres-Heathrow, e da base de Vueling no aerodromo coruñés, en con ela trinta postos de traballo. “E o resultado de dous anos e medio de desleixo e desinterese polo aeroporto. Agora, cómpre traballar para reverter esta situación canto antes”, sinala o concelleiro Alberto Lema. 

Como xa temos sinalado, o resultado do último concurso de liñas para Alvedro tivo uns resultados deficientes, e só serviu para financiar rutas con aeródromos secundarios e destinos de vacacións, “no que consideramos un moi mal uso dos cartos públicos”, en palabras de Lema. 

E resulta especialmente negativo no caso da aeroliña Vueling, comezando polo peche da súa base, que elimina unha trintena de empregos na cidade, impide recuperar a conexión con Tenerife e o voo a Barcelona de primeira hora e abre a porta a máis recortes horarios, entre outras consecuencias negativas para o aeroporto.

Pese a isto, a Xunta de Goberno do Consorcio de Turismo aprobou onte outorgarlle a Vueling máis de 800.000 euros en convenios a pesar do nulo compromiso que está a demostrar con Alvedro. Non se xustifica subvencionar unha mala conexión con Gatwick, o aeroporto secundario de Londres, con catro voos á semana e horario intempestivos. Nin o enlace a Orly, o aeródromo secundario de París, só mércores e sábado. Como sinala Lema, “é a crónica dun fracaso anunciado”.

Xa en xullo, o goberno local aceptou que Vueling incumprise unilateralmente o contrato co Concello, e aceptou rescindilo sen sancionar á aeroliña. Foi un erro e desde aquela as cousas só empeoraron. 

Preguntarémoslle ao goberno local polos resultados da súa política aeroportuaria, tras a perda da base de Vueling en Alvedro