Saltar ao contido
Pista aterrizaxe alvedro

Vueling, que cobrará 900.000 euros do Concello, reduce de 21 a nove os enlaces semanais entre A Coruña e Barcelona, despois de eliminar os voos a Londres, Valencia e Málaga

É un escándalo que se aprobase pagar a Vueling por desmontar o seu servizo na Coruña. O goberno do PSOE é incapaz de xestionar o aeroporto 

 

A Marea Atlántica reclama a comparecencia urxente de Inés Rey na Comisión de Turismo, para dar explicacións sobre o incumprimento do convenio con Vueling para Alvedro e sobre a grave crise que está a vivir o aeroporto. A compañía, que ten un convenio de 900.000 euros aprobado no Concello retirou os voos a Valencia, Málaga e Londres, sendo esta última unha conexión fundamental para o aeroporto coruñés. E, segundo se fixo público hoxe, reduce a nove os enlaces semanais con Barcelona, fronte aos 21 que mantiña a comezos de ano.

A voceira da Marea Atlántica, María García, reclama “que a alcaldesa compareza canto antes para explicar esta situación gravisima, moito peor ca doutros aeródromos similares. Nós xa advertimos de que non había que asinar ese convenio con Vueling. É un escándalo que se lle poida pagar case un millón de euros por desmontar o seu servizo na Coruña”.

De bater marcas a unha crise sen precedentes

O concelleiro Alberto Lema denuncia que “o goberno do PSOE amosa ser incapaz de xestionar o aeroporto”. Lema sinalou, tamén, que a perda de voos supuxo xa a retirada do avión de Vueling con base en Alvedro, e a perda inmediata de 30 postos de traballo. E a semana pasada consumouse tamén a marcha da compañía Volotea e da conexión a Bilbao, pese aos bos resultados da ruta. “Estamos nunha crise sen precedentes, que chega despois de bater marcas históricas de viaxes en 2019. Non todo pode atribuírse á pandemia”.

O propio Comité de Empresa do aeroporto teme que non se poida recuperar a situación anterior, o que pon en grave risco 200 empregos directos e 500 indirectos. E tamén a recuperación económica da Coruña e a súa área metropolitana, sendo Alvedro unha infraestrutura decisiva.

A Marea Atlántica reclama a comparecencia de Inés Rey para dar explicacións sobre a gravísima situación de Alvedro