A maioría das licenzas deste tipo inclúen a apertura en horario diurno, pero o goberno de Feijóo non a autoriza, estigmatizando a un sector que xera milleiros de empregos
Solicitamos tamén que o goberno municipal da Coruña axilice o pago das axudas fronte á COVID19, que non están a chegar á maoiría das empresas e autónomos que as solicitaron
As voceiras municipal e provincial da Marea Atlántica, María García e Alberto Lema, mantiveron hoxe unha xuntanza con representantes do sector do ocio nocturno, para escoitar a súa situación no actual escenario de pandemia e recoller as súas demandas. Neste sentido, solicitámoslle á Xunta de Galicia que permita a apertura destes establecementos ata as 12 da noite, dentro das súas licenzas e respectando todas as medidas sanitarias, ao igual que está a ocorrer outro tipo de locais de hostalería.
Cómpre lembrar que a maioría das licenzas asociadas ao “ocio nocturno” inclúen a posibilidade a apertura en horario de día, pero nestes momentos a Xunta de Galicia non lles permite ter actividade nin sequera nas horas permitidas a outros sectores, nin aplicando todas as cautelas e medidas preventivas. É un agravio comparativo que afecta a unha actividade económica que non merece ser estigmatizada, pois xera milleiros de postos de traballo na Coruña e en Galicia, e está a recibir con moita dureza o impacto desta crise económica e sanitaria.
Unha vez máis Alberto Núñez Feijóo aplica medidas e decretos sen ter en conta as consecuencias, e sen ofrecerlle ningún tipo de saída, compensación ou alternativa ás persoas afectadas, igual que está a facer en todas as áreas, desde o ensino aos servizos sociais xerandose preocupantes situacións de desamparo.
Axilidade na tramitación das axudas do Concello da Coruña
Doutra banda, instamos ao goberno municipal da Coruña a axilizar o máximo posible as axudas económicas para empresas afectadas pola crise da COVID19. Aprobáronse a comezos de xuño, e foron solicitadas por máis de 2.000 empresas e traballadoras autónomas, segundo os datos oficiais, pero a maioría seguen sen cobrar un euro a data de hoxe.
É urxente que os recursos institucionais cheguen a quen os precisan, pois a volta do verán será unha etapa especialmente crítica, e o Concello da Coruña debe estar á altura do que precisa a cidadanía. Os recibos siguen chegando, pero non así os ingresos, polo cal moitas negocios están entrando nunha situación crítica.