“Non imos tomar a cidade como refén por interes electoralistas, como lle fixeron a Xulio Ferreiro, imos seguir sendo decisivos na oposición. E a partir de maio, imprescindibles na acción de goberno”, sinalou o noso candidato á Alcaldía
O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, participou hoxe nun almorzo informativo cos medios de comunciación, acompañado pola voceira e o vicevoceiro do noso grupo municipal, María García e Iago Martínez. E nesta conversa, sinalou que “a Marea Atlántica vai seguir sendo decisiva na oposición ata maio de 2023, e despois sera imprescindible na acción de goberno”. Puxo en valor o traballo realizado neste madato e valorou como “falto de ideas e decepcionante” ao goberno de Inés Rey, “incapaz de dar resposta aos retos que temos diante”.
O candidato aclarou que xa está a traballar en coordinación co grupo municipal para fixar as liñas mestras para o que queda de mandato, e neste tempo, “por moi decepcionante que sexa o traballo de Inés Rey, non imos tomar a cidade como refén, non imos bloquealo todo como lle fixeron a Xulio Ferreiro, porque o sufrimos e sabemos ao que conduce”. Pero engadiu que “o tempo das promesas acabou, é a hora de que o goberno cumpra o que xa temos acordado”.
Medidas que é urxente executar
Entre os asuntos máis urxentes, Xan Xove sinalou o pacto polo dereito á vivenda, que se traduciu en 9 millóns de euros no Orzamento 2022 para a compra, rehabilitación e posta a disposición de vivenda pública… fondos que na súa maioría seguen sen tocar. O mesmo acontece co programa Mover os Baixos para combater a proliferación de locais baleiros, que conta con tres millóns e cuxa execución está a cero nestes momentos.
Incitou tamén na necesidade de ampliar ata as oito horas o servizo gratuito nas escolas infantís, para evitar que máis centros acaben privatizados coma ocorreu coa Carmen Cervigón. E na posta en marcha da empresa eléctrica municipal, un paso claro para combater a crise enerxética, pero do que non hai novas desde abril. Finalmente, Xove reclamou avances nos principais proxectos pendetes para os barrios, “xa que parece que as obras se executan máis rápido canto máis cerca do 15001”. Hai proxectos incluidos no acordo para a aprobación dos Orzamentos 2022 que non tiveron un só avance en todo o ano, coma a escola infantil e centro de día en Xuxán, a biblioteca de Novo Mesoiro, as obras no mercado de Santa Lucía, a apertura das naves do Metrosidero ou a recuperación dos ríos Feáns e Quintas.
Xove salientou que a asistencia de máis de 150 persoas ao acto de presentación da súa candidatura, este sábado 12 de novembro, amosa que “hai Marea, e con forza” e serve para iniciar con impulso este novo camiño no que a organización municipalista seguirá a loitar para facer da Coruña unha cidade mellor.
“O PSOE de Ines Rey non ten proxecto nin iniciativas para afrontar a crise social, a emerxencia climática, os retos de mobilidade, a loita contra a desigualdade… Aí é necesaria a Marea Atlántica, que representa o proxecto máis avanzado para unha cidade xusta, verde, feminista e democrática. Iso é o que nos xogamos en maio de 2023: imos a por todas para ser unha forza decisiva na acción de goberno”, afirmou Xan Xove.