Saltar ao contido

Xan Xove: “Para isto goberna Inés Rey? Para impulsar operacións coma Visma que en nada serven ás necesidades da Coruña de hoxe? Confunde a política de vivenda coa xestión inmobiliaria, algo que a Marea cambiará a partir de maio”

O plan contradí as leis do solo e do patrimonio. Supón a construción de 30 edificios de entre 10 e 21 alturas, cunha altísima densidade. Darán sombra aos barrios próximos e non respectan os elementos arqueolóxicos da Viaxe de Visma

Nos vindeiros días convocaremos un encontro aberto coa veciñanza de Visma, Os Mariñeiros e o Ventorrillo, para explicarlles estas alegacións e os riscos do proxecto


O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xan Xove, e a nosa voceira municipal, María García, presentaron hoxe en rolda de prensa as alegacións que o noso grupo presentou ao proxecto de urbanización do polígono de San Pedro de Visma, nas que solicitamos a súa suspensión facultativa. Un proxecto de elevadísima densidade, que Xove describiu como “propio do século pasado, que non atende ás necesidades da Coruña de hoxe”, e que, ademais, entra en contradición coa Lei do Solo e a Lei do Patrimonio de Galicia. Falamos de 4.000 vivendas, repartidas en trinta edificios de entre 10 e 21 alturas, que rompen completamente coa contorna, illan os barrios próximos e non respectan o patrimonio arqueolóxico da zona.

Elaboramos as nosas alegacións logo dunha rolda de conversas coas asociacións veciñais dos barrios afectados, Visma, O Ventorrillo e Os Mariñeiros, así como coas persoas usuarias das ecohortas da zona. E todos eses colectivos coincidiron en trasladarnos a súa preocupación por un desenvolvemento que non pertence a este século. Por iso, nos vindeiros días, convocaremos un encontro aberto á veciñanza para analizar os detalles e os problemas do proxecto de urbanización.

 

Políticas de vivenda fronte á xestión inmobiliaria

Así quedaría Visma. Infografía cedida por Adrián Martínez

“Preguntámonos se Visma representa o modelo de cidade de Inés Rey. Para isto quere o goberno da Coruña, para acelerar operacións coma esta? Para levar desde o Concello unha xestoría ao servizo das promotoras? Confunde a política de vivenda coa xestión inmobiliaria, algo que cambiaremos cando, despois de maio, a Marea Atlántica volva estar no goberno da Coruña”, explicou o candidato á alcaldía.

Xove insistiu en que un goberno non pode limitarse a “mover papeis e actuar coma unha xestoría para promotores, non pode limitarse a deixar facer. Porque xa vemos as consecuencias de deixar facer en materia de vivenda, que na Coruña é imposible alugar, con máis pisos turísticos que alugueiros convencionais, e co prezo medio máis alto de todas as cidades galegas. O mercado non regula, o mercado afoga”. 

Xan Xove sinalou que “a solución non é que o 25% dunha urbanización de 4.000 vivendas sexan de protección oficial durante algúns anos para logo pasar ao mercado privado, molestando o mínimo ás promotoras”. A solución é unha aposta decidida pola construción de vivenda pública, coma en Pontejos e Xuxán, os dous únicos proxectos que o Concello ten en marcha, deseñados polo goberno da Marea Atlántica, sostidos neste mandato por un pacto entre a Marea e o goberno de Inés Rey.

As cinco alegacións da Marea Atlántica

    1. Protexer a arqueta dos Frades, unha parte da Viaxe de Visma, o antigo abastecemento de auga da Coruña trazado a comezos século XVIII. Esta arqueta é un elemento protexido desde 2013, pero o proxecto de urbanización prevé deixala escondida entre edificios e cunha estrada ao lado, dentro da contorna protexida. A única atención que se lle dedica é poñer carteis en varios puntos, e a isto lle chaman “musealización”. Pero de museo ten pouco, e incumpre a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, no que respecta á protección de estruturas arqueolóxicas.
    2. Protección doutros elementos da Viaxe de Visma, que atravesaba de leste a oeste a zona que agora se pretende urbanizar. Aínda en 2016 atopáronse novos restos, pero o proxecto do goberno local non lle dedica nin unha soa liña. Mesmo o arqueólogo municipal, de feito, emitiu un informe en 2016 no que advirte de que a execución do plan de urbanización, tal e como está deseñado, “suporá a destrución das estruturas que poidan aparecer relacionadas coa viaxe de Visma”. Isto, de novo, é contrario á Lei de Patrimonio.
    3. Alteración da paisaxe de Visma e a Agra do Orzán con bloques de entre 10 e 21 andares. Estes edificios teñen volume moito maior que o da contorna e proxectaran sombra sobre os barrios circundantes. Afectará especialmente ao dos Mariñeiros, onde a maioría das vivendas teñen unha ou dúas alturas. Quedará en sombra durante toda o día, afectando á calidade de vida dos seus habitantes. Isto viola as normas de aplicación directa previstas na Lei do Solo de Galicia e na normativa estatal, que prohiben que os novos edificios se convertan en barreiras arquitectónicas, como sinalou numerosa xurisprudencia.
    4. Conservación das ecohortas da Agra do Orzán. Solicitamos que as 118 parcelas das hortas urbanas non sexan trasladadas do lugar que ocupan. Son un proxecto de naturalización da cidade, premiado e recoñecido pola Unión Europea, e en torno ao que agromou unha importante comunidade
    5. Incumprimento dos obxectivos de desenvolvemento urbano sostible. Este tipo de planeamento, de altisima edificabilidade, colisiona co EIDUS, coa Axenda Urbana da UE, e contra todos os compromisos adquiridos polo Concello na loita contra o cambio climático. Mentres os documentos estratéxicos da ONU e a Unión Europea recomendan un urbanismo centrado no acceso ao espazo público e ás zonas verdes, o goberno de Inés Rey  vai no sentido contrario. ao ditado das promotoras.
Así quedaría Visma co proxecto aprobado polo PSOE. Infografía cedida por Adrián Martínez

 

O proxecto de urbanización de Visma ten que suspenderse: vai contra as leis do solo e o patrimonio