Propoñemos crear un Consello Local da Lingua, un Plan de Normalización Lingüística desvinculado dos períodos electorais e apoio aos medios de comunicación que se publiquen exclusivamente en galego
A pesar da chapuceira tramitación que realizou o goberno de Inés Rey, apoiamos esta ordenanza, que foi elaborada en gran parte durante o anterior mandato
O grupo municipal da Marea Atlántica vén de rexistrar unha serie de alegacións para mellorar a ordenanza do galego no Concello da Coruña, durante o seu trámite ordinario, recuperando as emendas que foron rexeitadas polo PSOE no Pleno do mes de febreiro. Deste xeito, propoñemos que o Concello da Coruña se dote dun Consello Local da Lingua, un foro cívico, técnico e político que elabore un Plan de Normalización Lingüística con participación cidadá vixente por un mínimo de cinco anos, para non estar sometido aos períodos electorais.
Nas nosas reclamacións tamén se inclúe que a obriga de usar a lingua propia de Galicia, que figura no texto proposto polo goberno, non se lle aplique só ao goberno local e os seus altos cargos, senón ao conxunto da Corporación e ás empresas concesionarias de servizos municipais. Tamén pedimos o reforzo do Servizo de Normalización Lingüística con funcións de asesoramento á administración local e máis recursos, como mínimo o 1% do orzamento anual do Concello.
Outro compromiso necesario é empregar os recursos municipais para apoiar os medios de comunicación que empregan exclusivamente en galego. Estas cabeceiras deberían recibir, polo menos, o 25% do gasto en publicidade institucional.
Unha boa norma, moi mal tramitada
Esta ordenanza é unha medida positiva, que contou co noso voto favorable no Pleno, a pesar da tramitación chapuceira á que a someteu o goberno de Inés Rey. Chegou atropeladamente, sen a consulta pública previa que prescribe a lei, con trámites e informes de urxencia e aprobándoa fóra da orde do día na Xunta de Goberno Local. Tampouco se consensuou cos grupos da Corporación (pese a que podía ter sido aprobada por unanimidade), e chegou con tres informes xurídicos contraditorios: o da Asesoría Xurídica do Concello, o preceptivo da Secretaría Xeral do Pleno e un terceiro contratado de urxencia polo goberno local a un equipo de docentes da Universidade da Coruña. Ten incluso erros materiais que tamén procuramos corrixir nas nosas alegacións. Nin iso mudou o goberno.
Celebramos, en todo caso, que A Coruña vaia deixar de ser a única cidade de Galicia sen unha ordenanza para fomentar o uso da lingua propia, tres décadas despois de que o fixeran a maioría das urbes. A normativa que agora se está a tramitar toma como base o excelente traballo desenvolvido polo Servizo de Normalización Lingüística durante o pasado mandato, pero que non chegou a ir a pleno porque o grupo socialista, daquela na oposición, consideraba que “non era o momento”.
Por iso, lembramos que as actitudes positivas ás veces son máis útiles que as ordenanzas. O Concello vai camiño de ter unha ordenanza, pero carece dun goberno con actitudes positivas cara a lingua galega.
Confiamos, en todo caso, en que as nosas reclamacións para mellorar a ordenanza sexan estimadas polo goberno de Inés Rey. Tal e como sinalamos na exposición de motivos, “nin a urxencia nin a falta de diálogo poden cimentar unha política coma esta, sensible, estratéxica pero non sempre pacífica. Os trinta anos de demora xa non teñen remedio. Mal fariamos en empregalos para xustificar outro mal comezo”.