Saltar ao contido

O noso grupo reclama que se protexan as parcelas do Campo da Estrada en lugar de construír nela bloques de vivenda en altura que afectan aos restos da muralla e a unidade ambiental da cidade vella

Apoiaremos tamén as alegacións presentadas pola Comisión en Defensa do Común, que tamén procura coidar un dos últimos espazos libres da Cidade Vella

O grupo municipal da Marea Atlántica presentará alegacións ao Estudo de Detalle da Maestranza, aprobado o 16 de xuño pola Xunta de Goberno Local, e que autoriza a construción de bloques de vivendas de ata 6 plantas de altura. “Contra este pelotazo, xurdido dos plans do goberno de Francisco Vázquez, apostamos por protexer os terreos do Campo da Estrada pola súa singularidade patrimonial, a presenza de restos arqueolóxicos BIC e a proximidade ao mar”, sinala a nosa voceira, María García.

Así, o estudo de detalle aprobado inicialmente non fai mención ningunha aos restos dos sistema defensivo da Coruña, nin inclúe plano ningún de referencia, pese a que os inmobles previstos se edificarían sobre parte do xacemento arqueolóxico. O sistema defensivo da Coruña, declarado Ben de Interese Cultural, está profusamente documentado en varios estudos, como o Informe Municipal de Potencialidade Arqueolóxica da Maestranza de 2015. 

Ademais, a construción destes inmobles, que superarán en altura aos que xa existen na zona, faría de pantalla e afogaría o derradeiro espazo libre da Cidade Vella na súa cara norte. Por iso defendemos que o Campo da Estrada quede como espazo libre, polas súas características patrimoniais, e porque forma unha unidade cos xardíns da Maestranza. Edificar nel alteraría a fisionomía da Cidade Vella e o bordo litoral coruñés. Recordamos que a cidade vella da Coruña foi declarada conxunto histórico artístico no ano 1984. 

O urbanismo nas negociacións do PSOE

A situación da Maestranza, ao igual que outros asuntos urbanísticos, formarán parte da rolda de negociacións que a Marea Atlántica vén de abrir co PSOE e na que, como xa dixemos, queremos falar da Coruña no seu conxunto e non só dos Orzamentos 2021. Percebeiras, a Ría do Burgo, o parque do Observatorio, o catálogo de elementos protexidos, e por suposto o porto, entre outras cuestións, formarán parte das conversas. 

Desde a Marea Atlántica apoiaremos tamén as alegacións que presentará a Comisión en Defensa do Común, igualmente destinadas a protexer o Campo da Estrada. Así llo trasladamos nunha xuntanza que mantivemos onte coa entidade en María Pita. 

Cómpre lembrar que a venda dos terreos da Maestranza foi posible grazas aos cambios urbanísticos que introduciu Francisco Vázquez en 1984, á súa chegada ao goberno municipal, e a un convenio asinado daquela con Ministerio de Defensa. Este organismo, seguindo coa tradición que o Estado aplica unha e outra vez na Coruña, vendeu o solo ao mellor postor, comportándose coma unha inmobiliaria, facendo posible o pelotazo que agora se está a deseñar. Resulta difícil de entender que un organismo público busque facer caixa a toda costa, antes que beneficiar á cidade e á súa veciñanza. 

Presentamos alegacións para protexer a Maestranza dun desastre urbanístico