Saltar ao contido
Planta de Nostián

Xan Xove: “A Coruña non precisa un quinto contedor ocupando espazo nas rúas e casas, precisa manter un modelo de reciclaxe eficiente: recupera unha media 38 kg de envases por habitante e ano, catro veces máis que o sistema que quere implantar Inés Rey”

É mentira que a Unión Europea obrigue a implantar o contedor amarelo para envases. A obriga é de instaurar o de materia orgánica, que A Coruña xa ten dende hai 20 anos

A Marea Atlántica vén de rexistrar alegacións ao anteproxecto de Nostián para defender o modelo de separación húmido-seco na Coruña, tamén chamado orgánico-inorgánico, xa asentado e cunha eficiencia contrastada polos datos. No anteproxecto presentado polo goberno local para renovar o contrato da planta de tratamentos de residuos de Nostián despois de tres anos en prórroga forzosa dáse un paso atrás, apostando pola implantación dun quinto contedor nas rúas da Coruña, o amarelo para os residuos de envases. 

Pero como sinala Xan Xove, o candidato á alcaldía da Marea Atlántica, “non precisamos outro contedor ocupando espazo público e espazo tamén na nosa cociña, precisamos defender un modelo de reciclaxe xa consolidado e moi eficiente”. Segundo datos da última memoria do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, os concellos que empregan o sistema húmido-seco, o de Nostián, reciclan de media 38 quilos de envases por habitante e ano, fronte aos 9 quilos que se conseguen co sistema de cinco contedores que pretende implantar Inés Rey. Por iso, Xan Xove insiste en que “o goberno local ten que solicitarlle ao Estado que manteña Nostián coma unha das excepcións previstas na nova normativa.  É posible, é legal e tamén é o lóxico”. 

É falso que a normativa obrigue a instalar o contedor amarelo, a obriga é implantar o de materia orgánica, que na Coruña xa funciona desde hai vinte anos. Así, tal e como recollen as nosas alegacións, a lei de residuos  7/2022, no seu no artigo 25.6, permite manter o sistema de separación vixente na Coruña e na Mancomunidade das Mariñas, “se se acredita suficientemente que ese modelo de recollida non afecta á aptitude dos materiais para a reciclaxe, ou se ten un impacto ambiental menor, ou se se demostra que é economicamente máis eficiente e evita custos desproporcionados”. 

Tal é o caso do modelo húmido-seco na Coruña, pois segundo os datos da última memoria do Ministerio para a Transición ecolóxica, Nostián está a recuperar 38 quilos de envases por habitante e ano, fronte aos 9 kg no modelo do 5° contedor amarelo predominante en Galicia. Deixémolo claro, Nostián recupera catro veces máis envases que a media. “As cifras son evidentes, e demostran que hai motivos de sobra para que o goberno local solicite que o Estado aplique o mesmo réxime de financiamento ao modelo de reciclaxe da Coruña e a súa área metropolitana, en lugar de renunciar a el para reciclar menos e perder ingresos”, explica Xan Xove. 

De feito, o sistema actual non só é mais eficiente na súa función primaria, a de reducir o impacto ambiental do lixo, tamén o é en termos económicos. Tendo en conta que as administracións locais perciben ingresos de Ecoembes polos materiais recuperados, abandonar irresponsablemente o modelo húmido-seco en Nostián significaría tamén menos recursos económicos para os concellos da Coruña e a Mancomunidade das Mariñas, un recorte ao que habería que sumarlle o custo de implantar un novo colector amarelo: obras para facerlles sitios nas rúas e cambios nos contratos públicos de xestión dos contedores. É a todas luces unha mala aposta económica. 

Ademais, o Real Decreto 1055/2022, sobre envases e residuos de envases, desenvolve a normativa e deixa perfectamente claro que as plantas de tratamento ás que se lles aplique a excepcionalidade antes mencionada (e recollida artigo 25.6 da lei), terán a consideración de recollida separada  recibirán o mesmo financiamento do Estado. Só teñen que cumprir  os obxectivos autonómicos de reciclaxe, cousa que Nostián fai de sobra.

Neste sentido, instamos á concelleira de Medio Ambiente da Xunta, Ángeles Vázquez, a abandonar os seus ataques constantes á planta de Nostián, nun torpe intento de defender o modelo de Sogama. En asuntos tan importantes coma o tratamento de residuos, as administracións teñen que colaborar, non enredarse en loitas partidistas.

Diálogo e consenso coa Mancomunidade das Mariñas

Polo tanto, con estas alegacións, instamos ao goberno local da Coruña non só a corrixir o anteproxecto da planta de Nostián, senón a empregar os mecanismos legais vixentes e solicitar ante o Ministerio de Transición Ecolóxica a excepcionalidade para a a planta de tratamento de residuos, que lle permita solucionar o seus problemas en lugar de causarlle outros novos. E, como explica Xan Xove, “démoslle traslado destas alegacións á Mancomunidade das Mariñas, formada por concellos sen os que Nostián non ten futuro posible, a pesar de que Inés Rey non os tivese en conta á hora de deseñar os cambios que introduciu no seu anteproxecto”.

Nun mandato, Nostián pasou da excelencia á parálise. Despois de tres anos e medio, o contrato da planta de tratamento de residuos de Nostián, o maior do Concello, segue en prórroga forzosa, coa plantilla en pé de mobilizacións, coas instalacións deteriorándose e cos concellos da Mancomunidade das Mariñas enterándose do que pasa pola prensa. Ademais, o vertedoiro de rechazos está sen selar e aínda non se lle reclamaron á empresa os 10 millóns que cobrou de máis, para asombro do interventor municipal. 

“Estamos ante unha emerxencia climática que cada ano se fai máis evidente, e ante a que a recuperación de materiais e a boa xestión dos residuos é fundamental. Temos que resolver os problemas de Nostián, non causar outros novos”, conclúe Xan Xove. 

Rexistramos alegacións ao anteproxecto de Nostián para defender o modelo de separación húmido-seco