Saltar ao contido

María García: “É imprescindible reformular a mobilidade e mellorar os accesos ao novo Hospital da Coruña, pero facelo non ten porque agredir ao núcleo protexido das Xubias ou ao Pazo de Guyatt construíndolles enriba unha rotonda de 20 metros de altura”

O grupo municipal da Marea Atlántica vén de presentar ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda as alegacións ao Documento Ambiental da Mellora de accesos ao Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC) e solicita que se someta ao procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria. 

A voceira da Marea Atlántica, María García, sinalou: “Planean unha rotonda enorme que se elevará 20 metros, practicamente enriba do Pazo de Guyatt e o núcleo protexido das Xubias. Terá un impacto visual e ambiental enorme e, lonxe de mellorar a súa conectividade, suporá unha barreira para toda a contorna do litoral da ría do Burgo, illándoo máis.” E conclúe: “É necesario mellorar a mobilidade da zona e os accesos ao Chuac, pero non ten porque supor unha agresión ao patrimonio natural e cultural.  Deberíase continuar coa senda de humanización da cidade e das vías de comunicación iniciada no anterior mandato, por exemplo na demolición do viaducto da Ronda de Nelle.

A proposta de accesos é incompatible cos criterios que xustifican á reducción de edificabilidade da MP do ámbito da Ría do Burgo

O proxecto de mellora dos accesos ao Chuac, sobre todo no referido á citada rotonda voada de 20 metros sobre a caída en pendente a escasos metros do Pazo de Guyatt e do núcleo tradicional das Xubias, é incoherente e entra en conflito co proxecto de redución de edificabilidade na contorna da Ría do Burgo, ao que o a Marea Atlántica presentou alegacións. Para esta Modificación Puntual do PXOM inclúese na argumentación a Estratexia de Adaptación ao Cambio Climático da Costa de España que recomendaba, xunto co Plan de Ordenación do Litoral de Galicia, a necesidade de revisar e modificar a ordenación do bordo litoral da Coruña, en concreto nesta zona.

A proposta afecta a un núcleo sensible que se debería preservar

Nas alegacións presentadas a Marea Atlántica inclúe como observacións: 

  • A proposta ten unha afección significativa directa sobre os bens patrimoniais da contorna, nomeadamente sobre o Pazo da Pasaxe (de Guyatt) e sobre o núcleo de casas tradicionais mariñeiras das Xubias de Abaixo.
  • Incumpre tamén os criterios estratéxicos de desenvolvemento urbano sostible, colisionando coas políticas e obxectivos que establece o Concello da Coruña: Estratexia EIDUS, Estratexia de Cambio Climático 2014-2020 e a Axenda Urbana 2030.
  • É contrario aos principios de adaptación ao cambio climático. Ademáis do sinalado, no se contemplaron os devastadores efectos da proposta sobre o núcleo das Xubias como son a contaminación lumínica e ruído polo aumento do tráfico.

O proxecto desenvóvese nunha contorna cun enorme valor paisaxístico e cultural que obriga á maior sensibilidade e que merece de plans que non cuestionen a súa supervivencia.

Presentamos alegacións ao proxecto de acceso ao Chuac