Saltar ao contido

Os cambios máis significativos son iniciativa da Marea: a bonificación na taxa do lixo para os composteiros e a ampliación da cota cero na auga, o lixo e o saneamento para persoas sen recursos xa implantada en 2015

María García lamentou que o PSOE tente invisibilizar as achegas da Marea e fixo un chamamento a “reconducir a situación e manter o pacto á coruñesa”

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, e o vicevoceiro, Iago Martínez, adiantaron hoxe en rolda de prensa o voto favorable do grupo municipalista ao proxecto de ordenanzas fiscais que o goberno levará ao Pleno do 7 de novembro, para que entren en vigor en 2020. “Incorpora varias das nosas propostas ao PSOE para avanzar cara á xustiza fiscal e ambiental, as únicas con contido político dentro do proxecto presentado polo goberno”, sinalou María García. Pero advertiu que, “entre fotos e actos de representación, bótase en falta iniciativa e valentía por parte do goberno municipal da Coruña”.

“O pasado 15 de outubro trasladámoslle ao goberno municipal unha serie de propostas para modificar as ordenanzas fiscais e abrimos unha negociación, que onte se concretou coa proposta que se levou á Xunta de Goberno Local”, explicou Iago Martínez. E lembrou que os cambios máis significativos nacen da iniciativa da Marea Atlántica: 

  • O recoñecemento do dereito humano á auga e o mínimo vital garantido, como recomenda a OMS, que afonda na cota cero na taxa da auga para as persoas sen recursos.
  • A ampliación das bonificacións na auga, o lixo e o saneamento para persoas e familias vulnerables implantadas no pasado mandato, tanto a cota cero como as tarifas reducidas.
  • Como primeiro paso para introducir o pago por xeración na taxa de lixo, introdúcese unha bonificación do 50% para persoas e comunidades que instalen composteiros para facerse cargo dos seur propios residuos orgánicos.
  • Contratación de dúas novas persoas para reforzar a Inspección Tributaria e combater a fraude.

Porén, houbo dúas propostas que quedaron fóra, e nas que seguiremos a traballar para conseguir que se fagan realidade:

  • Medidas para o coidado das persoas dependentes, como a eliminación do co-pagamento no Servizo de Axuda no Fogar, unha iniciativa que xa conta con informes xurídicos, técnicos e económicos do anterior mandato. E que por 500.000 euros ao ano beneficiaría a unhas 1.500 persoas, na súa inmensa maioría mulleres que se fan cargo dos coidados a familiares con dependencia.
  • Medidas en materia de vivenda, como a bonificación no IBI para vivendas de aluguer social e exención para as de titularidade municipal, así como a elaboración dun censo de vivendas baleiras na cidade. Xa no anterior mandato se elevou ao máximo o recargo no IBI para as vivendas baleiras, pero a medida non pode aplicarse porque nin a Xunta nin o Estado lexislaron aínda o que pode considerarse “vivenda baleira”. O censo, que ubique os 18.000 pisos deshabitados na Coruña, serviría para ter un mapa claro e unha medida de presión.

Como sinalou María García, o rexeitamento destas últimas propostas sinala “falta de valentía e de traballo por parte do goberno de Inés Rey”.. En todo caso, amosou satisfacción porque existan avances na progresividade dos impostos municipais, seguindo o camiño que se abriu no mandato anterior, e comprometeuse a traballar para que se retomen as medidas que quedaron pendentes, en beneficio das maiorías sociais.

 

Avances lentos no Pacto á Coruñesa 

“Agardabamos máis do Pacto á Coruñesa que asinamos para o inicio de mandato, pero non pasa polas súas mellores horas. É certo que comezamos con bo pé, e que conseguimos avances na mesa de negociación, pero a postura desde a Alcaldía non está a ser construtiva”, afirmou María García. Sinalou, ademais, que existe unha certa falta de interlocución por parte de Inés Rey, xa que “leva case 140 días gobernando e aínda non se reuniu con ningún dos grupos municipais, algo que Xulio Ferreiro fixo na primeira semana de mandato, aos nove días da investidura”.

Iago Martínez engadiu que “nas últimas semanas atopamos certa reticencia por parte do goberno a recoñecer o labor da Marea Atlántica, tanto durante os catro anos de goberno como agora, como actor imprescindible para a gobernabilidade. É unha actitude que non axuda a crear o necesario clima de confianza”.

Déronse episodios especialmente graves, como a negativa a permitir a consulta do expediente das bolsas comedor para o presente curso, sen respectar o dereito á información dos grupos políticos.

En todo caso, María García amosou a “máxima disposición do grupo municipal da Marea Atlántica para reconducir a situación”, continuando coa negociación dos Orzamentos 2020 e poñendo sobre a mesa propostas políticas que movan ao goberno do PSOE da súa pasividade.

Votaremos a favor das ordenanzas fiscais, protagonizadas polas nosas propostas