Saltar ao contido

Unha medida que forma parte dos acordos entre a Marea Atlántica e o goberno municipal nos Orzamentos 2022 para avanzar no dereito á vivenda

As obras terán un custo de 1,6 millóns de euros e porán cinco pisos de titularidade municipal en réxime de aluguer social

A Xunta de Goberno Local celebrada hoxe en María Pita aprobou a contratación das obras para rehabilitar o edificio situado entre as rúas Marqués de Pontejos e San Nicolás, para destinar as súas cinco vivendas ao aluguer social. Tal e como estaba previsto na licitación, os traballos terán un custo de 1,6 millóns de euros, un prazo de execución de dez meses e forman parte do acordo entre a Marea Atlántica e o goberno local para os Orzamentos 2022 no Concello da Coruña.

O voceiro do goberno, José Manuel Lage destacou o compromiso do executivo municipal co incremento do parque de vivenda pública na cidade para dar resposta aos colectivos que máis o precisan e, ao mesmo tempo coas políticas de rehabilitación para dar unha nova vida a edificios que coma este se atopan en ruínas.

María García, voceira da Marea Atlántica, lembra que a rehabilitación do edificio de Marqués de Pontejos para vivenda social “é unha iniciativa que comezou no mandato anterior, coa compra do inmoble e a elaboración do proxecto de obra, e que agora por fin se fará realidade. Non só permitirá recuperar un inmoble ruinoso en pleno centro da Coruña, mellorando a calidade urbana, senón que aumentará o parque municipal de vivenda e porá cinco pisos en réxime de aluguer social”.

Os traballos terán un custo total de 1.615.350,00€, que se repartirán en dúas anualidades: neste exercicio investiranse 989.973,60 €, mentres que os 625.376,40 restantes asumiranse en 2023. O importe viuse incrementado nun 47% sobre o previsto, debido ao aumento do custe dos materiais no último ano.

Actualmente, o orzamento en vigor conta con 3,6 millóns de euros para a promoción de vivenda pública en solo municipal, preferiblemente dentro do tecido urbano xa consolidado e con acceso a servizos. É unha medida que se inclúe no pacto polo Dereito a vivenda asinado pola Marea Atlántica e o goberno local.

Políticas de vivenda: máis de oito millóns sen executar aínda

Desde a Marea Atlántica, celebramos os avances para facer realidade o proxecto de vivenda social en Marqués de Pontejos, pero temos que lamentar a lentitude na execución das demais medidas que forman parte do acordo polo dereito á vivenda e que suman nove millóns de euros. Estamos ás portas do mes de outubro e, coa honrosa excepción de Pontejos, o resto nin sequera comezou a andar. 

Dentro do eido da vivenda social, nada se sabe aínda da construción dun novo edificio en Xuxán, herdada tamén do pasado mandato. “É grave, porque este tipo de políticas requiren de tempo e traballo, e non só estamos a acumular atrasos, é que desde o actual goberno non se impulsou ningunha iniciativa para a creación de vivenda pública”, argumenta María García. 

O acordo incluía tamén a compra de inmobles desde o Concello para poñelos en circulación a prezos razoables e a regular os pisos turísticos, que non se abordou en absoluto. Tampouco en marcha a redacción do Plan Municipal polo Dereito á Vivenda. Mentres os alugueiros non deixan de subir, ao tempo que se reduce a oferta de vivenda na Coruña, medra a oferta de pisos turísticos e a Xunta só ofrece un plan Rexurbe ao que non se presenta nin unha soa vivenda, o Concello da Coruña ten que seguir impulsando políticas públicas que axuden a paliar o problema. 

A Xunta de Goberno Local aproba a adxudicación das obras para crear vivenda social na rúa Marqués de Pontejos