Saltar ao contido

María García: “É boa nova que o xulgado tome en consideración o noso recurso. Urxe frear os tics autoritarios da alcaldesa e retomar a normalidade democrática no Concello”

Non pedimos a anulación do acordo que permitiu aprobar os convenios, que xa chegan con moito atraso. Buscamos que a Xustiza se pronuncie sobre o atropelo democrático de Inés Rey

O Xulgado do Contencioso Administrativo nº 4 da Coruña vén de admitir a trámite o recurso presentado pola Marea Atlántica contra a vulneración de dereitos fundamentais da oposición por parte de Inés Rey, coa súa decisión ilegal de inadmitir emendas na aprobación dos convenios coas entidades sociais. Celebramos esta decisión e agardamos que a Xustiza deixe clara a cacicada que cometeu a alcaldesa, indo contra o artigo 23 da Constitución Española.

María García, voceira da Marea Atlántica, sinala que “é unha boa nova que o xulgado tome en consideración o noso recurso, porque urxe frear os tic autoritarios de Inés Rey e restaurar a normalidade democrática no Concello. Non só se viron vulnerados os nosos dereitos como representantes públicas, tamén os da cidadanía que nos escolleu como representantes. Agardamos que o xulgado así o confirme”. 

Neste procedemento non pediremos a anulación do acordo do Pleno, para non impedir se asinen os convenios xa aprobados. Non queremos prexudicar ao asociacionismo, a quen xa castiga o goberno coa súa ineficacia, senón que a Xustiza se pronuncie sobre o abuso de poder que cometeu a alcaldesa.

 

Máis fondos para as entidades, menos en propaganda

Temos que lembrar que as emendas que presentamos naquel Pleno Extraordinario do 24 de febreiro buscaban incrementar os fondos para convenios coas entidades sociais, deportivas e culturais da Coruña. Sumaban un total de 340.000 euros, a cambio de reducir as partidas de publicidade e propaganda, dándolle o merecido apoio aos colectivos que están a afrontar a pandemia en primeira liña. 

De xeito ilegal e unilateral, Inés Rey inadmitiu estas emendas e negouse a permitir que o secretario do Pleno dese a súa opinión. Hoxe, tras o contundente informe feito público polo Partido Popular, entendemos os motivos polos que non quixo darlle a palabra. 

Agardamos que a Xustiza, vista a documentación e a xurisprudencia ao respecto, se pronuncie dun xeito claro. Por exemplo, a sentenza 18/2017 do Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Valenciana sinala que a inadmisión de emendas foi un “rexeitamento infundado e vulnera o dereito constitucionalmente protexido polo art. 23 nos seus apartados 1 e 2”, o “dereito a participar nos asuntos públicos en representación do electorado”. 

O xulgado admite a trámite o recurso da Marea Atlántica contra Inés Rey por vulnerar dereitos fundamentais co seu veto ás emendas da oposición