Saltar ao contido

Fernández Galiño dá 15 días ao goberno municipal para informar sobre a normativa vixente e as actuacións que realiza para “controlar” este tipo de vivendas

Xan Xove: “É unha boa nova que a Valedora tome cartas no asunto, porque a proliferación descontrolada das vivendas de uso turístico está a contribuír a que na Coruña sexa imposible alugar”

A Valedora do Pobo vén de admitir a trámite a queixa rexistrada pola Marea Atlántica o pasado 9 de marzo e examinará a falta de regulación dos pisos turísticos na Coruña. Tal e como explica nun escrito dirixido á portavoz do grupo municipal, María Dolores Fernández Galiño dálle un prazo de 15 días ao goberno de Inés Rey para informar sobre a normativa vixente e as actuacións que estea a realizar —se é que hai algunha— para “regular” e “controlar” este tipo de vivendas. Unha vez recibido o “preceptivo informe” que o Concello ten que remitir á Valedora, esta informará novamente dos avances á formación.

O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, sinalou que “é unha boa nova que a Valedora tome cartas no asunto, porque a proliferación descontrolada das vivendas de uso turístico está a contribuír a que na Coruña sexa imposible alugar”. Os datos do rexistro oficial da Xunta amosan que o mes de marzo comezou con 755 turísticos na Coruña, o que supón un aumento do 5% no que vai de ano e do 92% desde marzo de 2020. E cantas vivendas hai dispoñibles para alugueiro convencional? Menos de 500, segundo os datos do sector inmobiliario. 

Así, A Coruña é a cidade de Galicia na que máis xente vive de alugueiro  —a cuarta parte da poboación— e tamén a máis cara para facelo. Segundo os últimos informes do Observatorio de Vivenda da Xunta, o prezo medio do alugueiro na Coruña foi en febreiro de 582,3 euros. Encareceuse case un 10% en quince meses e máis do 25% en oito anos, unha suba moi lonxe da experimentada polos salarios.

O impacto das vivendas de uso turístico neste problema está amplamente documentado. O proxecto ReviTUR,  realizado pola entidade Exceltur da que forman parte 33 das empresas máis relevantes do sector turístico en colaboración con varios municipios españois, conclúe que “detraen oferta do aluguer convencional, encarecen os prezos, desprazan poboación residente e deterioran as condicións de habitabilidade e a calidade da vida comunitaria”.

Lembramos que o goberno local incumpriu os acordos asinados coa Marea Atlántica para regular as vivendas turísticas —aínda que o PSOE si o está a facer noutras cidades como Santiago—. E incumpre tamén a súa obriga legal de fiscalizar e controlar a implantación de vivendas turísticas mediante a concesión do debido título habilitante, unha obriga que reitera a doutrina do TSXG (sentenzas STSJ GAL 674/2023, STSJ GAL 2988/2022 e STSJ GAL 2750/2022, entre outras). 

Mala situación económica no Consorcio de Turismo

En paralelo, desde a Marea Atlántica queremos amosar a nosa preocupación pola mala xestión que está a facer mella no Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, ata o punto de que o informe do secretario-interventor da entidade alerta de riscos para a estabilidade orzamentaria da mesma. O concelleiro Alberto Lema, membro da Xunta de Goberno do Consorcio, alertou hoxe deste problema, “que vén derivado de que a entidade asumiu o pago de actividades que non lle son propias, coma o Morriña Fest ou o concerto de Rosalía no Coliseum. Trasladando ao Consorcio os problemas para cadrar as contas do IMCE”. 

Literalmente, o informe de estabilidade do secretario interventor, asinado o 23 de marzo, di que “visto o desenvolvemento orzamentario nesta data, sitúase no límite, para este exercicio, a estabilidade orzamentaria do Consorcio con respecto ao orzamento aprobado”; e advirte de que “non se verificaron os ingresos previstos” en 2022.

En todo caso, celebramos que, por fin, se respecten os acordos laborais adquiridos no mandato de Xulio Ferreiro e se adapte o salario do persoal do Consorcio ao convenio colectivo vixente no Concello. O lamentable é que para chegar a este punto fose necesario ameazar cunha folga en Semana Santa, “especialmente cando o soldo do xerente foi aumentado en 9.000 euros anuais ao pouco da súa chegada a través de prácticas de dubidosa legalidade, e co noso voto en contra”.

Dous concursos desertos en Alvedro

Polo que respecta ao aeroporto de Alvedro, recibiu as boas novas da ampliación de destinos a Xenebra e Milán-Malpensa con Easyjet, aos que debería sumarse tamén Ámsterdam-Schiphol, pero non pode operarse aínda pola limitación de voos en Holanda. Estas novas rutas xorden de concursos públicos organizados polo Concello, nunha convocatoria na que dous destinos quedaron desertos: Sevilla e Lisboa. Súmase a perda do voo París-Orly, cancelado unilateralmente por Vueling, pese a que que recibe 332.000 euros anuais do Concello.

“A perda de Sevilla, especialmente, é preocupante, por ser un destino que funcionaba moi ben desde A Coruña. E o enlace a París a través do aeródromo menor de Orly demostrou ser unha mala aposta, como xa denunciamos no seu día, explica Lema”. Para o concelleiro, “a planificación estratéxica de Alvedro non está a ser boa, e tradúcese en que está a ser o único aeroporto galego que non recuperou o tráfico de pasaxeiros que tiña antes da pandemia”. 

A Valedora do Pobo examinará a falta de regulación dos pisos turísticos na Coruña tras admitir a trámite a queixa da Marea Atlántica