Saltar ao contido

Isabel Pardo de Vera asegura na prensa que o porto da Coruña está “quebrado” e que as instalacións de Punta Langosteira son “unha obra faraónica” pensada sen tren

Négase a financiar a conexión ferroviaria ao Porto Exterior mentres reserva 140 millóns para facelo en Castellón

A Marea Atlántica esíxelle explicacións ao ministro de Transportes, José Luis Ábalos, e ao novo presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, polas gravisimas declaracións da presidenta de ADIF, Isabel Pardo de Vera, nas que asegura que o porto da Coruña está “quebrado” e onde se nega a financiar a conexión ferroviaria a Punta Langosteira baixo o argumento falso de que “nunca financiamos o acceso a un porto”: nos orzamentos deste ano resérvanse 140 millóns para o enlace por tren do porto de Castellón. E instamos á alcaldesa a facer o mesmo.

É igualmente grave que, segundo o recollido na prensa de hoxe, Pardo de Vera describa ao porto exterior da Coruña como “unha obra faraónica” pensada sen conexión ferroviaria. De acreditar no que di, está a recoñecer un uso irresponsable, como pouco, dun multimillonario patrimonio público.

Sen ferrocaril, as instalacións do Porto Exterior non poderán acadar todo o seu rendemento. Negarse a financialo é hipotecar o seu futuro, e impedir que os peiraos interiores queden libres para integrarse na cidade e recuperar o bordo litoral da Coruña.

Se é certo que a Autoridade Portuaria está “quebrada”, o Estado ten capacidade para remedialo, sendo o seu principal acredor. Pode condonar a débeda ao igual que fai en Valencia, onde reserva 400 millóns para esta fin. E o que vale para o Levante vale para A Coruña. Non pode consentirse máis este constante desprezo pola cidade e a súa área metropolitana.

A Marea Atlántica esixe explicacións a Fomento e á Autoridade Portuaria polas gravísimas declaracións da presidenta de ADIF