O concelleiro, responsable de Rexeneración Urbana no anterior mandato, anunciou hoxe o seu desexo de iniciar una nova etapa e renunciar á súa acta no Concello
Xiao Varela, no goberno e na oposición, representou un xeito de entender o urbanismo para o beneficio das persoas, non das grandes empresas inmobiliarias
O concelleiro Xiao Varela, membro do Grupo Municipal da Marea Atlántica e responsable da área de Rexeneración Urbana no anterior mandato, comunicou hoxe a súa vontade de abandonar o seu asento do Concello e iniciar unha nova etapa persoal, na que lle desexamos a mellor das sortes. Deste xeito, o Pleno do mes de outubro será o último no que Xiao represente á Marea Atlántica.
Desde o grupo municipal, e desde a Marea Atlántica no seu conxunto, lamentamos fondamente esta decisión, e queremos trasladarlle todo o noso agradecemento e apoio a Xiao, unha figura clave no equipo de goberno de Xulio Ferreiro. O seu xeito de entender as políticas urbanísticas como un beneficio para a maioría da veciñanza e non para as empresas construtoras foi innegable durante catro anos de goberno, e seguiu demostrándose nesta última etapa na oposición.
A pegada de Xiao Varela e o equipo de Rexeneración Urbana quedará sempre, tanto por resolver problemas herdados como por abrir novos camiños. Foi unha figura decisiva para que o problema do Parque Ofimático se transformase nun barrio habitado, para fomentar a aposta pola rehabilitación de vivenda, para plantarlle cara á especulación no bordo litoral como representante do Concello na Autoridade Portuaria e para realizar centos de obras nos barrios, non das que dan fotos e titulares, senón das que lle resolven a vida á xente.
Grazas por todo Xiao, o camiño que compartimos sempre será motivo de orgullo.