Saltar ao contido

Agardamos un goberno leal ao artigo 140 da Constitución, o que recoñece a autonomía dos concellos, e non ao 135, co que se puxeron as institucións ao servizo da banca, nin ao 155 da intervención en Catalunya

A marcha de Mariano Rajoy é unha boa nova para a cidadanía do conxunto do estado. Cae un presidente autoritario, entregado aos de arriba, corrupto, sinalado na xa contrastada contabilidade B do Partido Popular, o responsable de que a lei se puxese tantas veces ao servizo da criminalización da discrepancia e contra as liberdades cívicas, e iso ten que ser sen dúbida motivo de celebración. Rajoy era parte do problema, e a súa derrota, aínda que non sexa suficiente, é positiva, xa que non deixa ser parte da solución.

Cae, pola vía democrática, un goberno austericida. Un goberno que recortou o investimento social, os recursos para a loita contra as violencias machistas, as pensións de xubilación, os dereitos civís e a pluralidade nos medios públicos. Cae un goberno que empregaba as institucións como ariete contra os seus rivais políticos, que non tiña credibilidade nin para a xudicatura. Un goberno irresponsable que fixo todo o posible por bloquear as cidades que non podía controlar, como A Coruña, Madrid, Compostela, Barcelona, Ferrol, Zaragoza, Oviedo ou Cádiz. Un goberno que fixo todo que puido por asfixiar a aquelas que estamos máis próximas á cidadanía, na primeira liña da democracia.

Cae, non marcha. Bótano fóra unha suma de forzas e sensibilidades que entenden que nada do que vivimos baixo o imperio da Gürtel era tolerable por máis tempo. Un acordo inédito pola súa diversidade que abre un tempo novo inzado de traballo por facer, de fiestras que abrir e de muros que derrubar, e que esixirá xenerosidade, altura de miras e sentido crítico para recuperar os anos perdidos.

 

Máis autonomía local e menos corsés de austeridade

Agardamos un goberno leal ao artigo 140 da Constitución, o que recoñece a autonomía dos concellos, e non ao 135, co que se puxeron as institucións ao servizo da banca, nin ao 155 da intervención en Catalunya. Esperamos un goberno que traballe coas cidades na primeira liña de defensa da veciñanza fronte á desigualdade, a pobreza e a exclusión social, e que remate coa persecución dos dereitos fundamentais da cidadanía. Desexamos que as persoas volvan ao primeiro plano e que desaparezan, canto antes, os obstáculos á remunicipalización de servizos. Esperamos poder dicirlle adeus, como a Rajoy, á normativa que secuestra a soberanía dos concellos e precariza os servizos públicos.

Pedro Sánchez recibiu hoxe no Congreso dos Deputados o apoio incondicional de moitas forzas políticas diferentes para converterse no presidente do Goberno e iniciar unha nova etapa nas institucións do Estado. Ao municipalismo tócalle facer unha reflexión colectiva, dende abaixo, para aproveitar as oportunidades que abre este novo escenario e sortear os riscos que, sen dúbida, tamén han de vir.

Un adeus municipalista para Rajoy