Saltar ao contido

Cancelarán a rendición de contas nos centros cívicos, despois de máis de 25 sesións celebradas no anterior mandato.

O goberno municipal da Coruña recoñeceu, en resposta a unha pregunta oral da Marea Atlántica no Pleno Ordinario do mes de setembro, que non vai seguir celebrando os encontros cidadáns Dillo Ti. Como sinalou a concelleira Claudia Delso, é “un paso atrás nas políticas participativas que conveteron á Coruña nunha referencia no mandato anterior”.

Desde 2016, un sábado ao mes, o alcalde Xulio Ferreiro e todo o goberno municipal acudían a un centro cívico da cidade para dar a cara ante a veciñanza e responder ás súas preguntas sen intermediarios. Celebráronse máis de 25 encontros en todos os barrios da cidade.

Medo ao encontro coa veciñanza

É unha mágoa que o PSOE da Coruña teña medo a este tipo de participación cidadá, “agardamos que cumpran os seus compromisos e non comecen a desmantelar tamén outras canles como os Orzamentos Participativos ou o Escano Cidadán, sinalou Claudia Delso.

Os procesos participados foron unha constante no mandato anterior, e deron os seus froitos. “Levamos a participación cidadá a todos os eidos, desde o deseño da que será a gran Coruña metropolitana ata a renovación do patio do colexio Sanjurjo de Carricarte; desde a localización das hortas urbanas ao deseño dos contratos de recollida de lixo e limpeza das rúas; e desde os usos das Naves do Metrosidero ata o futuro do Porto da Coruña”, lembrou Claudia Delso.

O goberno municipal anula os encontros Dillo Ti e dá un paso atrás en participación cidadá