Saltar ao contido

Pese a que o modificativo aprobouse o 4 de xuño, e xa levaban semanas anunciándose, aínda non é posible solicitar as medidas para conter a crise do COVID19 

Constatamos, ademais, o incumprimento do acordo para manter as convocatorias de subvencións Xerminal e Cultura de Barrio, substituídas por contratos directos

A Marea Atlántica urxe ao goberno municipal a poñer en marcha canto antes o paquete de medidas contra a crise do COVID19. “O 4 de xuño, co voto favorable de todos os grupos, aprobouse un modificativo de crédito que aínda non se rematou de tramitar. A propaganda leva semanas nos medios, pero as axudas aínda non existen”, sinalou a nosa voceira, María García. Tampouco se sabe nada aínda das bases e convocatorias de axudas que deberían entrar en vigor coa maior brevidade.

Despois de que na Xunta de Portavoces celebrada hoxe non se informase de ningún avance no plan de axudas, desde a Marea Atlántica vémonos na obriga de lembrarlle ao goberno de Inés Rey que hai persoas que, despois de case tres meses de estado de alarma, seguen a agardar porque o Concello da Coruña lles tenda unha man.

Por iso, solicitamos a urxente posta en marcha dos reforzos nas prestación sociais e na canguraxe, as axudas a pemes e autónomos para o alugueiro de locais, pago de cotas e créditos, o aumento do persoal para tramitar as axudas e evitar atascos burocráticos, a Oficina de Atención Cidadá, as bolsas de locais comerciais e de alugueiro social (esta leva un ano prometéndoa) e todos os programas pendentes de que  o goberno municipal faga o seu traballo.

Houbo moitas medidas, tamén necesarias, que non chegaron a incluírse neste plan a pesar de ter sido propostas en repetidas ocasións pola Marea Atlántica, pero o mínimo que se lle pode pedir a Inés Rey é que faga realidade as que non deixa de anunciar.

Incumprimento dos acordos para o sector cultural

Doutra banda, o vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, denunciou o incumprimento dos acordos para a aprobación dos Orzamentos 2020, no que respecta ao mantemento das convocatorias de subvencións Cultura de Barrio e Xerminal, incluídas especificamente no acordo e, unha vez incumprido este no IMCE, na ampliación do pacto asinada en xaneiro.

“Semella que o goberno municipal pretende substituír estas convocatorias se subvencións, abertas e en pública concorrencia, por contratos escollidos directamente por un comité de cinco persoas nas que dúas son o concelleiro de Cultura e o seu asesor. Outro incumprimento flagrante”, argumenta Martínez.

O goberno municipal ten que poñer en marcha canto antes as axudas previstas pola pandemia