Saltar ao contido

Tras o desbloqueo de medidas e investimentos que suman case 10 millóns de euros, é o momento de activar as políticas de vivenda, a empresa municipal de enerxía e os proxectos nos barrios

Xan Xove: “A Marea Atlántica non para de traballar pola Coruña, e pedímoslle ao goberno local que faga o mesmo, pola cidade, por cumprir a súa palabra e por avanzar na execución orzamentaria”

O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, e a voceira do noso grupo municipal, María García, deron hoxe unha rolda de prensa na que instaron ao goberno local a cumprir a súa obriga e presentar unha proposta para os Orzamentos 2023, pero advertiron de que antes é necesario avanzar no cumprimento dos acordos pendentes. “A Marea Atlántica non para de traballar pola Coruña, e pedímoslle ao goberno local que faga o mesmo, por tres motivos: para que gañe a cidade, para cumprir a súa palabra e para mellorar a baixa execución orzamentaria deste ano, que vai camiño de ser a peor desde 2016”, explicou Xove.

O candidato á alcaldía explicou que “con iniciativas coma Mover os Baixos, un programa que xa é unha realidade, a ampliación do horario gratuíto das escolas infantís municipais ou o investimento de 6,5 millóns de euros estamos a ver que cando o goberno municipal cumpre coa Marea Atlántica, a cidade gaña. Por iso, cremos que é o momento de abrir unha nova fase, marcada pola negociación orzamentaria e o cumprimento dos acordos pendentes”.

Pola súa banda, María García engadiu que “nas últimas dúas semanas, puidemos ver como se materializaban medidas que pactamos co goberno local, e que levaban tempo pendentes. Medidas que suman case dez millóns de euros, entre o programa Mover os Baixos para os locais baleiros, a Cidade das TIC, o campo de fútbol de Eirís, a rehabilitación de vivendas no Ventorillo, un novo programa de axudas para a economía social… Medidas positivas para A Coruña”.

Medidas prioritarias

Xan Xove sinalou como prioritario o acordo polo dereito a vivenda, nove millóns de euros que están practicamente sen executar e que teñen que servir para aumentar o parque de vivenda municipal coa compra de edificios e soares, novos proxectos de pisos de promoción pública alén dos previstos en Xuxán e Pontejos (iniciados polo goberno de Xulio Ferreiro), o impulso á rehabilitación e a regulación dos pisos turísticos.

Tamén salientou o incumprimento dos acordos en políticas enerxéticas, onde levamos meses sen avances na constitución da empresa eléctrica municipal, no Mapa das Enerxías Renovables e no plan de emprego asociado, e lamentou “a falta de compromiso con cuestións que deberían ser prioritarias para afrontar a crise enerxética e a emerxencia climática”.

Finalmente, Xan Xove pediulle a Inés Rey que abandone a posición de “goberno cantonalista, que só se ocupa dos arredores dos Cantóns” e impulse as obras pendentes nos barrios, coma o equipamento combinado de escola infantil e centro de día en Xuxán, como proposta pioneira, a biblioteca de Novo Mesoiro, as obras no futuro Centro de Saúde de Santa Lucía, a apertura das Naves do Metrosidero, ou a recuperación dos ríos Feáns e Quintas.

O 85% dos fondos para investimentos están sen gastar

Como sinalou María García, estes acordos terán, ademais, “o efecto de mellorar a execución do orzamento en vigor, que vai camiño de ser a máis baixa desde 2016. Segundo os datos provisionais a 16 de novembro, o 44% do presuposto está sen gastar. Se atendemos ao investimento, o 85% dos cartos aínda non saíron da caixa do Concello”.

Por iso, instamos ao goberno local a cumprir a súa obriga, deseñar uns bos orzamentos para 2023 e executar o mellor posible os de 2022. Facelo suporá cumprir acordos e impulsar medias positivas para unha cidade máis xusta, verde, democrática e feminista. Medidas que calquera goberno progresista debería ter interese en cumprir.

Presenza no acto de Yolanda Díaz, este venres

Doutra banda, e a preguntas dos medios de comunicación, Xan Xove confirmou que a Marea Atlántica foi convidada e estará presente este venres no acto que a vicepresidenta Yolanda Díaz realizará na Coruña para presentar o proxecto Sumar: “Eu non poderei acudir, e así llo comuniquei xa a Yolanda, por unha  viaxe persoal programada, pero estarán María García e outras persoas da candidatura e da coordinadora representándonos. Temos o máximo respecto por Sumar, un proxecto de ámbito estatal que persegue uns obxectivos moi similares aos da Marea Atlántica na Coruña”.

A Marea Atlántica insta ao goberno local a presentar a súa proposta para os orzamentos, pero advirte de que antes é preciso cumprir os acordos pendentes