Saltar ao contido

Alberto Lema: “Todas as centrais sindicais coinciden en sinalar que o goberno de Inés Rey non está a respectar o acordo vixente desde o 22 de maio”

O grupo municipal da Marea Atlántica rexistrou unha moción para esixirlle ao goberno de Inés Rey que respecte o Acordo Marco do persoal ao servizo do Concello da Coruña, negociado durante o anterior mandato e publicado no BOP o pasado 22 de maio. Tras manter reunións con todas as forzas sindicais con representación na Xunta de Persoal do Concello, atopamos que non se está a cumprir o pactado, e instamos ao executivo local a convocar canto antes a Comisión de Negociación prevista no acordo.

O concelleiro Alberto Lema sinalou que “este Acordo Marco resolve multitude de cuestións, pero sobre todo actualiza os procedementos de selección e provisión de postos de traballo ao indicado no Estatuto Básico do Emprego Público”. O pacto. apoiado polos sindicatos CCOO, UXT e CSIF, ten vixencia ata 2022 mentres non se aprobe un novo, e serve para actualizar as condicións laborais.

Unanimidade sindical ao sinalar incumprimentos

Lema insistiu en que todas as centrais sindicais, mesmo a CIG que non se sumou inicialmente ao acordo, sinalan incumprimentos reiterados por parte do goberno municipal, “especialmente no que atinxe ao sistema de promoción interna, a suspensión dos concursos en marcha, a negociación do cadro de persoal ou a constitución, aínda pendente, dunha comisión para o seguimento do acordo”.

Por todo isto, e tendo en conta que a provisión de postos de traballo xa lle ten causado problemas ao Concello no pasado, instamos ao goberno do Partido Socialista a cumprir a súa obriga e respectar os acordos.

O goberno de Inés Rey non cumpre o Acordo Marco do persoal do Concello da Coruña