Saltar ao contido

Aprobada a resolución que acordamos Marea Atlántica, BNG e PSOE para denunciar o nulo compromiso do goberno galego coa área metropolitana máis dinámica de Galicia

María García: “As contas de Feijóo son avaras, e deixan á Coruña por baixo da media en investimento global e por habitante”

O Concello da Coruña celebrou este 12 de novembro o Pleno Extraordinario solicitado pola Marea Atlántica e o Bloque Nacionalista Galego para analizar o proxecto de Orzamentos da Xunta para o ano 2020, no que a maioría da Corporación, agás o PP, aprobou un posicionamento para esixirlle ao goberno galego que cumpra os seus compromisos coa área metropolitana máis dinámica de Galicia. O documento aprobado xurdiu dun acordo entre o grupo municipal da Marea, o BNG e o PSOE. Como sinalou a nosa voceira municipal, María García, “o que presenta Feijóo son unhas contas avaras, que deixan á Coruña por baixo da media tanto en investimento global coma en fondos por habitante”.

“Unha vez máis, a Xunta non cumpre coas súas obrigas e delega nos concellos para que lle tapen os furados”, asegurou García. “Onde está a defensa dos servizos públicos, a mobilidade sostible, as políticas de vivenda, na loita contra a crise climática, a recuperación da fachada marítima para o uso público ou a promoción de proxectos clave o da Cidade das TIC”, preguntouse a nosa voceira.

Reciclaxe de promesas

Así, como denunciou García, “se non fóra pola Fundación Amancio Ortega, o investimento en servizos sociais de Feijóo na Coruña sería de case inexistente. Unha irresponsabilidade cando temos o dobre reto do envellecemento e o aumento da pobreza, e mentres a Xunta continúa a impoñer o copago no Servizo de Axuda no Fogar para persoas dependentes”.

O mesmo ocorre coa mobilidade sostible, onde unha das principais actuacións na cidade, a Intermodal, segue parada. “O único que está listo é a urbanización da contorna da Sardiñeira, que deixou preparada o goberno anterior. Nin a Xunta nin ADIF cumpriron  coa súa parte”, sinalou Garcia.

O mesmo sucede coa loita contra a crise climática, que carece de fondos e ideas, e onde o maior investimento se destina a financiar a axudas a empresas privadas pola eficiencia enerxética. O que amosa, en palabras da nosa voceira, que “a economía circular que practica Feijóo é da reciclaxe de promesas, xa que volvemos atopar nestes orzamentos varias das que lanzara na campaña de 2016, coma o plan Rexurbe na Cidade Vella ou as vivendas sociais no Ofimático.

O silencio de Inés Rey

Nas súas intervencións no Pleno, María García, lamentou tamén que aínda non saibamos o que a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, opina sobre os orzamentos da Xunta. “Xulio Ferreiro reuníase cos grupos da oposición para pactar as emendas ás contas do goberno autonómico, pero hoxe fomos a Marea e o BNG quen tivemos que tomar a iniciativa”, sinalou.

Tamén salientou as dificultades para entenderse co goberno de Alberto Núñez Feijóo, que sempre amosa unha manifesta deslealdade. Fïxoo cando apareceu sen avisar ao Concello para sacarse unha foto e prometer 20 millóns para garantir a titularidade pública dos peiraos interiores, uns cartos que agora non aparecen por ningures. E faino con estes Orzamentos que volven ser un desprezo á cidade. “Antes a culpa era da Marea, que non negociaba. A quen lle botarán a culpa agora?”, argumentou María García.

Descarga a resolución do Pleno sobre os Orzamentos da Xunta

Maioría no Pleno para esixirlle á Xunta máis investimento na Coruña