Este pacto forma parte da negociación para seguir mellorando as ordenanzas fiscais do Concello, e avanzar cara unha tributación municipal máis xusta
A Marea Atlántica e o goberbo local veñen de chegar a un acordo para ceder de balde o uso de espazos nos mercados municipais e nas instalacións deportivas para a celebración de eventos sen fins recadatorios, organizadas por entidades veciñais ou sen ánimo de lucro. Esta medida, proposta polo grupo da Marea, forma parte das negociacións que estamos a manter co PSOE para mellorar as ordenanzas fiscais do Concello e deseñar unha tributación municipal máis xusta e redistributiva, entre outras cuestións que afectan á cidade.
Para María García, voceira municipal da Marea Atlántica, “con medidas coma esta, comprobamos que o diálogo que abrimos nos últimos meses co goberno local permite avanzar na xustiza fiscal na Coruña. Dun lado, as entidades veciñais e sen ánimo de lucro terán exencións ou deduccións polos eventos non recadatorios de instalacións municipais. Doutro, subirémoslles os impostos ás empresas de telefonía móbil por empregar o espazo público para as súas redes. E non serán as únicas medidas”.
Deste xeito, mudaríanse as ordenanzas fiscais número 15, pola prestación de servizos nas instalacións deportivas, e número 30, a relativa aos mercados municipais, para eliminar as taxas de alugueiro nestes espazos, como un xeito de favorecer a colaboración co tecido asociativo da Coruña.
Esta “cota cero” aplicaríase no caso de homenaxes, festas, festivais ou actuacións artísticas non lucrativas que ata o momento teñen que pagar. Ademais, as actividades benéficas que vendan entradas, recibiran un 50% de bonificación se son declaradas “de interese xeral” polo Concello.
As asociacións veciñais, ONG, ou colectivos artísticos ou culturais da cidade poderían, así, facer uso sen custo das instalacións públicas para eventos, reservando con tempo para que non coincidan con eventos xa previstos nos polideportivos ou mercados.
Avances en xustiza fiscal
Estes cambios nas ordenanzas fiscais van na liña que comezou en 2015, durante o mandato de Xulio Ferreiro, e que se traduciu en medidas como garantir que a ninguén se lle corta a auga por non ter recursos, garantindo o mínimo vital, ou facer que os vehículos máis contaminantes paguen un IVTM máis alto. Recentemente, e tamén grazas a unha negociación co goberno local, implantaronse bonificacións taxas da auga e o lixo para a hostalería, o comercio e a cultura, por ser sectores especialmente afectados pola pandemia.