No Día Mundial do Clima, o candidato da Marea Atlántica á Alcaldía comprometeuse a crear o Parque Cidade, un proxecto veciñal para unha gran zona verde que conecta Mesoiro con Elviña, pasando polo Birloque, O Martinete e Someso
Xan Xove: “A Coruña é unha das cidades de Europa con peor acceso á natureza. Para que respire, temos que recuperar os proxectos de infraestrutura verde que creou Xulio Ferreiro e Inés Rey esqueceu”
Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, comprometeuse no Día Mundial do Clima a garantir o dereito de acceso a zonas verdes en todos os barrios, apoiando iniciativas coma a do Parque Cidade, retomando os proxectos e a Estratexia de Infraestrutura Verde que quedaron nun caixón nos últimos catro anos: “Por saúde, por calidade de vida e por enfrontar o cambio climático, temos que conseguir que toda a veciñanza teña na sua proximidade un espazo natural de calidade”.
Nos últimos días, Xan Xove e a vicevoceira municipal da Marea Atlántica, María García, visitaron o Bosque de Breogán, na compañía da asociación veciñal da Urbanización Breogán. É o único que se fixo realidade entre os espazos verdes proxectados no pasado mandato, para o que tamén se conseguiu financiamento europeo. Porén, é unha versión con menos da metade de hectáreas do previsto, polo que a veciñanza reclama que se complete o proxecto orixinal.
Ademais, Xove comprometeuse a impulsar a creación do Parque Cidade, un gran espazo natural que, centrado no Martinete e Someso, conectará co Birloque, Mesoiro e Elviña, e que está a ser impulsado por un grupo cidadán, co apoio da Universidade da Coruña: “O Parque Cidade é un proxecto fantástico, á beira do que queda do río Monelos, e que xusto se centra nunha zona da Coruña onde o verde case non existe”.
Na mesma liña, é necesario reactivar o Plan de Accion da Infraestrutura Verde que preparou o goberno da Marea Atlántica e darlle o impulso que non soubo darlle Inés Rey. É o caso do Bosque das Cinco Illas, nos Rosais, que forma parte do proxecto Bosques da Coruña. Da naturalización e recuperación do río de Quintas, en Palavea, e do río Feáns, que xa contan con todos os permisos. Tamén da ampliación das hortas urbanas en Monte Alto e Palavea, potenciando unha iniciativa de natureza urbana que foi premiada pola UE, e da creación dun anel verde na contorna da Coruña.
Unha cidade con ganas de respirar
Cómpre lembrar que A Coruña ten un considerable déficit de espazos naturais, derivado da súa densidade de poboación. Un informe do Instituto de Salud Global de Barcelona (ISGlobal), publicado na revista The Lancet, amosa que A Coruña é a décima cidade de Europa con peor acceso a zonas verdes. A OMS recomenda ter unha zona arborada a menos de 500 metros da casa. E na Coruña, un 67% da poboación non cumpre ese requirimento, o que se traduce en peor saúde e calidade de vida, e nun problema fronte á crise climática, xa que a vexetación tamén reduce a temperatura e contribúe a fixar CO2.
Tamén se recomenda ter, de media, unha árbore por cada tres habitantes, pero na Coruña temos só unha para cada 15 persoas. No mandato de Xulio Ferreiro mellorouse esta proporción nun 10%, coa plantación de máis dun milleiro de árbores, pero queda moito por facer. E terá que ser despois do 28 de maio, coa Marea Atlántica de volta no goberno.