O arquitecto Xosé Lois Martínez, a representante da Comisión Aberta pola Defensa do Común, Ana Gallego; e o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, participaron nunha charla sobre a especulación cos terreos portuarios, a Solana e o Hotel Finisterre
A Marea Atlántica organizou neste 17 de xaneiro un faladoiro aberto sobre as actuacións da Autoridade Portuaria en contra do ben común da cidade da Coruña, comezando pola especulación cos terreos da Solana e o Hotel Finisterre. Interviron Ana Gallego, integrante da Comisión Aberta pola Defensa do Común, Xiao Varela, concelleiro de Rexeneración Urbana da Coruña, e Xosé Lois Martínez, coordinador do Grupo de Arquitectura de Urbanismo da UDC.
Neste acto ao que asistiron máis de cen persoas, achegaron tres perspectivas que teñen moitos aspectos en común: a defensa do público na Coruña á vista das operacións inmobiliarias que a Autoridade Portuaria (AP) pretende perpetrar primeiro nos terreos da Solana e o Hotel Finisterre e despois nos peiraos interiores do noso porto.
Cidade libre fronte a cidade de súbditos
O arquitecto Xosé Lois Martínez, servíndose da cartografía histórica, explicou a configuración da cidade ao longo dos séculos, a pasaxe da cidade medieval á defensiva e desta á cidade libre e sen murallas que se xesta no XIX. A Coruña deveu nunha cidade laica e liberal cuxa monumentalidade está representada polas propias vivendas do seu borde marítimo.
Para o profesor Martínez, sempre se respectou o límite que preservaba o público na beiramar e que nestes momentos se pretende alterar por parte da AP en beneficio de intereses inmobiliarios e especulativos máis ou menos opacos. No 36 desapareceu a burguesía culta polo que se permitiron como botín de guerra a Solana ou o Hotel Embajador. Nesta disputa de concepcións da cidade, A Coruña debe reapropiarse do que é seu, do que sempre foi seu.
Contra a mercantilización do común
Ana Gallego, da Comisión Aberta pola Defensa do Común, lembrou a mobilización en contra da operación especulativa e inmobiliaria que Defensa quería perpetrar no Campo da Estrada e alertou da destrución de recursos, do espolio e saqueo, da mercantilización do común. Para ela a cidade debe decidir, debe gobernar os espazos públicos. Por iso esixen a devolución gratuíta dos terreos en litixio por parte da AP ao concello. Porque foron terreos cedidos gratuitamente dos que debe poder gozar o conxunto da cidadanía. Porque en Valencia xa se fixo.
Para Ana Gallego, a AP debe reducir a súa débeda facendo actividades produtivas e portuarias, nunca inmobiliarias. Ademais 10 millóns non alteran a débeda de 300 que ten a AP. Anima á mobilización lembrando que foi o que en 1995 permitiu integrar no Sergas o Hospital Abente y Lago.
Historia dunha especulación
O concelleiro Xiao Varela lembrou os fitos desde os anos 40 aos nosos días, desde a destrución da Praia do Parrote ás decisións do Consello de Administración actual da AP. Explicou a decisión do Concello de ofrecer unha cantidade razoable para garantir a titularidade pública dos terreos da Solana e acusou á AP de negociar opaca e deslealmente con Río Mero. O concelleiro advirte dos compromisos e consecuencias do convenio asinado por Paco Vázquez e Fomento para construír nos peiraos interiores e tamén anima á mobilización cidadá para unha solución dialogada e o menos lesiva para a cidade e o ben común.
Entre o as persoas asistente, houbo unanimidade en impulsar a mobilización para entre todas evitar a destrución da cidade e a aniquilación do prezado ben común.