Sen categorizar

A Pokémon, un escándalo sen fin

Xulio Ferreiro: “O último auto da xuíza De Lara confirma que o señor Negreira está no epicentro do que parece unha enorme rede corrupta, incompatible coa súa continuidade á fronte do Concello da Coruña e que xa alcanza á Xunta”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña considera “un escándalo sen fin que non deixa de avergoñar á cidade” o feito de que “a xuíza investigue a máis da metade do goberno local e ao que aínda é o seu alcalde” e solicita “que se asuman responsabilidades pola creación do que parece unha rede de favores que implica a cargos públicos e empresas e agora tamén mesmo a un ex-conselleiro de Feijóo e ao presidente da Deputación ”

 

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, amosou a súa “vergoña e indignación” ante o novo auto da xuíza Pilar de Lara, que este martes solicitou autorización para incluír na causa que investiga un posible delito de tráfico de influencias no Concello da Coruña datos fiscais e/ou laborais de 57 empresas e entidades e 43 persoas que poderían estar relacionadas coa trama coñecida como Pokémon, e que “de novo implican en primeira liña ao señor Negreira, a máis da metade da Xunta de Goberno local, a moitas persoas da súa contorna en María Pita e mesmo a empresas e institucións que teñen diversos graos de relación co Concello. Este auto suxire que Negreira está no epicentro dunha grande trama corrupta, incompatible coa súa continuidade á fronte do Concello da Coruña”, segundo afirma Ferreiro.

“O caso Pokémon e o importante papel que no mesmo xoga o Goberno municipal do PP converteuse nun escándalo sen fin que non deixa de avergoñar á cidade. Non chega con que o imputado Julio Flores non se presente á reelección, o señor Negreira debe asumir responsabilidade pola creación dunha rede de favores na que semella están implicados cargos públicos, empresas, persoas de confianza no PP e que agora tamén alcanza un ex-conselleiro de Educación na Xunta de Galicia con Núñez Feijóo, como é o caso de Jesús Vázquez, que tamén aparece citado no novo auto da xuíza De Lara, así como o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo”, indica Ferreiro, que cualifica de “insoportable o nivel de corrupción no que vivimos e que ten ao PP de Negreira, Feijóo e Rajoy pero tamén de Crespo, Bárcenas e Rodrigo Rato, como punta de lanza. Precisamos aire novo e políticas que poñan a ética, a transparencia e as persoas como prioridades, ou sexa, o que representa a Marea Atlántica”.

“O capitalismo de amiguetes, baseado na opacidade, volve saír á luz co novo auto da xuíza De Lara. O señor Negreira e concelleiros e concelleiras como Julio Flores, Ana Fernández, Francisco Mourelo, Martín Fernández Prado e Rosa Gallego; o director do chiringuito de Emalcsa, o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo ou o ex-conselleiro de Educación e candidato do PP en Ourense, Jesús Vázquez, aparecen na investigación, que tamén cita a multitude de empresas, como a UTE Langosteira ou Eulén. Isto non é o que merece A Coruña e os responsables desta indignidade, os e as que apoiaron durante anos que a corrupción se convertese nunha forma de goberno, deberían deixar a actividade pública. Esa decisión debería saír deles mesmos, pero se volven poñer os seus intereses particulares por diante dos da cidadanía serán as urnas as que o fagan por eles o 24 de maio, coa Marea como única opción que garante a formación dun goberno local que comece un novo ciclo na Coruña; onde a ilusión, a transparencia e os intereses do 99% afectado polo espolio actual estean por diante do clientelismo e o beneficio deses poucos que se apropian dos bens de todos e todas”, afirma Xulio Ferreiro.

Foto de amaianos.

 

Have your say