Cando arde un monte ou un bosque, arde a biodiversidade, especies animais e vexetais, contamínanse augas e atmosfera, perdemos valores naturais e incluso psicolóxicos
A loita contra os incendios ten que ir máis aló de apagalos cando están a arder. Hai que atacar as causas de fondo
Nestes meses de xullo e agosto, aínda sen ter rematado o verán, escoitamos nos medios de comunicación e vemos en directo que cada vez se están a producir máis incendios en Galicia e no resto do Estado. Cando arde un monte ou un bosque, arde a biodiversidade, especies animais e vexetais, contamínanse as augas e a atmosfera, perdemos valores naturais e incluso psicolóxicos.
A Marea súmase ás organizacións ecoloxistas e sectores implicados na demanda de non considerar a loita contra os incendios forestais coma unha “simple” loita pola súa extinción cando xa están a arder. Non se pode rematar cos lumes sen atacar as súas causas de fondo. Trátase de atacar as causas de fondo para rematar cos lumes.
É tempo de reflexionar sobre unha situación triste, significativa e que, en moitos casos, se podía ter evitado. Segundo sinala ADEGA nun recente informe, “desde 1995, hai en Galicia uns 10.000 incendios ao ano, un incendio por cada 2 quilómetros cadrados de superficie forestal, cando a media estatal é dun lume por cada 25 quilómetros cadrados. En Galiza, co 7,7 % da superficie forestal estatal, acontecen o 45% de todos os incendios“.
Desde a Marea de Medio Ambiente e Sustentabilidade, denunciamos a irresponsabilidade política na protección da natureza e dos montes en particular. As súas consecuencias están á vista, aínda non rematou agosto e xa temos máis lumes que no ano 2014. As razóns son variadas, algunhas imposibles de controlar, como o cambio climático, as altísimas temperaturas de xullo, a escaseza de choiva ou a crise demográfica e económica do medio rural. Pero tamén hai que ter en conta os recortes en prevención en épocas non estivais, tanto en brigadas como en persoal contratado pola administración e traballadores do sector privado; o aumento de monocultivos forestais; e a cambiante relación das persoas urbanas coa natureza.
O último golpe é a Lei de Montes que representa unha involución e unha desconsideración do medio natural a favor dos intereses privados. Non fai máis que reforzar a consumación de incendios a cambio de darlles facilidades ás empresas para obter terreos ben situados e recualificados. A mesma lei que abre a posibilidade de forestar terras agrarias e darlle así novos espazos a especies como eucalipto, un negocio de grandes empresas en Galicia. É época de rebaixas.
As administracións teñen unha grande responsabilidade para que a prevención e a protección contra a ameaza do lume sexa o máis efectiva posible. E un dos aspectos a coidar é o persoal contratado. Apoiamos ao persoal que fai fronte a longas xornadas laborais de estrés e perigo, como as Brigadas de Reforzo contra Incendios Forestais (BRIF), que se atopan en folga para lograr unhas mellores condicións laborais como o recoñecemento profesional de bombeiros forestais.
Unha responsabilidade colectiva
Cando Galicia arde, sempre escoitamos as interesadas declaracións do Goberno da Xunta falando do terrorismo incendiario, un argumento que se leva repetindo desde a época do presidente Manuel Fraga, e que non parece que teñan a intención de cambiar. É doado botarlle a culpa a inimigos invisibles e mal intencionados para quedar coa conciencia tranquila, pero a realidade é algo máis complexa.
O certo é que o 55 % dos incendios son intencionados, e polo tanto pódese deducir que hai intereses, causas e condicionantes. É un dato terrible que non podemos deixar de asociar á Lei de Montes: a presenza de “queimadores” a soldo que fan o traballo sucio para darlles un terreo a prezo de balde a unhas mans interesadas.
Pero sen seren todos intencionados, o 96% dos incendios son producidos pola man do ser humano. Nós tamén somos responsables: queimas de rastrollos, barbacoas en espazos naturais con restricións temporais no verán, cigarros mal apagados e tirados ao chan, os nosos propios residuos botados en lugares equivocados…
A loita contra o lume tamén pasa pola boa xestión e dinamización dos montes, públicos, privados e en man común; isto é clave tamén nesta prevención. É preciso destinar recursos para que o medio rural non siga despoboándose, para fomentar o interese e a participación cidadá na conservación do seu territorio e apoiar á economía social. Hai que atallar a crise demográfica que sofre Galicia e que esta a despoboar o rural, e hai que facelo con iniciativas reais que lle devolvan ao noso monte o seu valor como fondo de recursos e aproveitamentos complementarios (pastos, froitos, produción de abono…)
Temos por diante o reto de integrar no rural os cambios que trae o tempo, coma o uso das novas tecnoloxías xunto ás tradicións ou a profesionalización do sector forestal e agrario. É necesario abrirlle paso a novas posibilidades de carácter recreativo, ambiental, paisaxístico e de conservación do patrimonio, ligadas á calidade de vida e á crecente demanda da poboación. Outro dos moitos problemas da nova Lei de Montes é que deixa de entender como prioridades estas áreas de xestión.
Por iso, non podemos deixar a responsabilidade nas mans de leis e políticas. O cambio tarda moito en chegar por esta vía. É tempo de participación cidadá, de profundizar na custodia do territorio e nos montes veciñais en mancomún. Falta información, os datos non son transparentes e escasean alianzas coas institucións para ter unha boa educación e sensibilización ambiental que afronte tamén a problemática dos incendios. Estamos no camiño e no proceso de promover unha participación cidadá máis comprometida e máis activa.
Impacto ecolóxico dos incendios (fonte WWF)
Pode verse nos seguintes elementos:
- O chan: perda de nutrientes, destrución da microfauna (bacterias e fungos), diminución da permeabilidade.
- A vexetación: destrución da parte aérea da masa forestal, aumento da probabilidade de pragas e enfermidades, aparición de especies invasoras.
- Rede fluvial: erosión e contaminación das aguas, alteración da rede hidrolóxica.
- Biodiversidade: destrución ou alteración do hábitat natural, perda de especies de flora e fauna, ruptura da cadea alimentaria.
- Paisaxe: Incremento do risco de desertificación, fragmentación de hábitats, perda dos valores estéticos e recreativos.
- Clima: emisións de CO2 á atmosfera, alteración do meso e o microclima, redución da dispoñibilidade de osíxeno, alteración no réxime do vento.
Solucións
Entre outras poden considerarse as seguintes:
- Plantacións de especies axeitadas ao terreo e que procuren valor engadido.
- Plantacións ordenadas para unha mellor limpeza do monte e supervisadas polos organismos oficiais.
- Evitar as plantacións ao lado dos núcleos de poboación consolidados. E, en paralelo, non permitir a construción de vivendas en zonas de risco de incendio, cousa habitual nos concellos do interior.
- Limpeza dos montes antes do verán.
- Persecución efectiva das persoas que provocan incendios.
- Mellora das brigadas contraincendios, con equipamento, formación e coñecemento da zona onde actúan.
Os comentarios están pechados.