Saltar ao contido

Xulio Ferreiro: “O PP quere destruír unha zona verde como o Parque de Bens para regalar unha vez máis o que é público ao negocio privado”

 O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña participou no roteiro reivindicativo da plataforma ‘ Salvemos el Parque de Bens ‘ e insistiu na súa defensa “do dereitos aos espazos comúns ante un elite que pretende facer caixa co que pertence a todos e todas”

 

bens-crop

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, participou esta tarde no roteiro de protesta que organizou a plataforma Salvemos el Parque de Bens e á que acudiron unhas 150 persoas, que demandaron unha vez máis a conservación e mellora da maior zona verde da cidade, agora ameazada de desaparición polo goberno local do PP. “O Parque de Bens pertence a todos os coruñeses e coruñesas. Pero o señor Negreira e o PP queren destruílo para regalarllo a unha elite para que faga alí un negocio privado”, indicou Xulio Ferreiro. “Os circuítos e o Museo do Automóbil poden facerse noutra ubicación sen afectar ás xentes que disfrutan do Parque de Bens. Esta actuación supón unha nova mostra de para quen goberna o PP: para unha minoría privilexiada, non para as xentes do común que teñen dereito a espazos públicos e non a que algúns, coa complicidade dos que gobernan, fagan caixa co que pertence a todos e todas”.

 

Enquisas

Por outra banda, Xulio Ferreiro valorou as sondaxes que se están coñecendo estes días: “Partindo da coñecida prudencia cara as enquisas, a Marea Atlántica ten claro que todos os datos demoscópicos están a confirmar que somos alternativa de goberno e que na Coruña case todas as forzas políticas están en decadencia agás a Marea, que vai a máis e así seguirá ata o 24 de maio”. “Cando a xente se achega á Marea e coñece as súas propostas e a súa maneira de facer, rapidamente empatiza co proxecto e identifícao como a única forza que aposta por un cambio real e garante aire fresco no Concello. O noso ascenso é unha realidade nas enquisas e tamén nas rúas, onde a Marea Atlántica está cada vez máis na boca e na ilusión de milleiros de coruñeses e coruñesas”, concluíu o cabeza de lista da Marea Atlántica.

 

A Marea, con Salvemos Bens