Saltar ao contido

Prodúcenos disgusto ser acusados de populistas por quen fixo do populismo a bandeira da súa xestión durante demasiados anos e en non poucos asuntos

Pero se populismo é manter que o pobo é quen máis ordena e que non se faga política municipal en contra da maioría social, daquela aceptamos o adxectivo como un parabén

Primeira xuntanza da Marea da Cultura
Primeira xuntanza da Marea da Cultura

En dous meses de traballo o goberno da Marea demostrou ás claras o seu compromiso coa cultura. Con todas as formas e manifestacións da cultura. Só en materia lingüística e conforme ao seu código ético, os equipos da Marea fixeron ordinario o que tantos gobernos municipais na cidade non quixeron ou non souberon facer.

Quen está desconectado da política municipal ten dificultades para seguir os aspectos medulares da xestión ordinaria e é incapaz de pensar cunha fotografía global da situación. Por iso pode centrarse nun pormenor, nun aspecto moi particular. Unha persoa pode estar desnutrida aínda que tome cada dous meses dous quilos de carne.

O goberno da Marea debe xestionar correctamente a cidade liberándoa de tramas corruptas, de opacidades e ambigüidades e de políticas urbanísticas que foron un disparate e un negocio para algúns. E nese goberno a acción cultural ten e seguirá tendo un protagonismo indubitable pero aplicando racionalidade e sentido común a cada decisión e ao gasto de cada euro.

No referido ao Consorcio para a Promoción da Música non se vai producir ningunha excepción a pesar do alarmismo interesado daqueles que só ven o que lles convén e nunca asumen responsabilidades da súa propia xestión.

Cando se produciu o cambio de goberno en María Pita moita xente na Coruña manifestaba como mínimo a confianza que depositaban nos novos xestores nun contexto xeral no que a corrupción se espallara por tantos lugares e administracións.

Mentres isto acontecía, o depósito de confianza en favor da Marea, outros grupos políticos recibiron unha mensaxe clara da cidadanía en forma de redución de votos e de apoios. Tamén a eles podemos dicir que permitan a este novo goberno dar os seus primeiros pasos. En 2016 as concellarías xestionarán un novo orzamento con outra filosofía e con outras posibilidades.

Prodúcenos disgusto ser acusados de populistas por quen fixo do populismo a bandeira da súa xestión durante demasiados anos e en non poucos asuntos. Pero se populismo é manter que o pobo é quen máis ordena e que non se faga política municipal en contra da maioría social, daquela aceptamos o adxectivo como un parabén.

O goberno da Marea explicitou algúns dos seus referentes o día que o alcalde tomou posesión, comezando por Domingos Merino. Ninguén discute que vivimos nun novo ciclo político. Esixe de todos, tamén dos que levan toda a vida na política e non saben saír dela, novas maneiras de facer e de pensar. Cambiar a linguaxe vetusta e vellouqueira e sumarse –se se sabe e se se quere– ás demandas dunha sociedade que esixe a partes iguais condicións dignas de vida e traballo, pero tamén rexeneración democrática.

A Marea, comprometida coa cultura