Saltar ao contido

PSOE e BNG pretenden impoñerlle ao portavoz do grupo da Marea un salario superior ao que propón o Código Ético da plataforma.

O bipartito deixa a Marea fóra de todos os órganos colexiados do ente provincial e incrementa aínda máis as retribucións do goberno.

O grupo da Marea Atlántica na Deputación Provincial da Coruña votará, no pleno do vindeiro 4 de agosto, en contra da proposta de organización do novo goberno bipartito na institución provincial, proposta que recibiron na tarde deste venres por vía postal e sen previa comunicación, nin por parte do BNG, nin por parte do PSOE. O bipartito pretende impoñerlle ao portavoz do grupo provincial da Marea, Daniel Díaz Grandío, o único dos seus tres deputados e deputadas que terá dedicación retribuída, un salario de 51.000 euros brutos anuais, 16.000 euros máis que o defendido por el mesmo durante as negociacións, en cumprimento do Código Ético da Marea, polo que tamén se rexe o goberno municipal da Coruña.

A proposta do bipartito, inaceptable e perigosamente continuísta cos vicios do pasado, a ollos da Marea Atlántica, incrementa sobre o previsto os salarios da cúpula do goberno, asignándolle 63.502,46 euros ao presidente (PSOE) e 55.939,52 euros á vicepresidenta (BNG). Ademais, mantén primas por asistencias a plenos, xuntas de goberno e comisións por enriba do que a plataforma cidadá considera razoable: 500 euros no primeiro caso e 300 euros no resto.

Contra o manifestado durante as conversas previas, o bipartito ignora por completo a oposición na súa proposta organizativa, impedindo o acceso á xunta de goberno e baleirando de competencias a xunta de voceiros, convertida nunha ferramenta cosmética. Os órganos colexiados, tanto os da propia Deputación como aqueles nos que o ente provincial ten representantes, repártense exclusivamente entre os deputados do bipartito.

A Marea Atlántica votará en contra da proposta de organización do bipartito na Deputación da Coruña