Saltar ao contido

Trátase dunha convocatoria realizada de xeito conxunto por diferentes procesos municipalistas de toda Galicia, que aspira a ser unha toma de contacto para a posta en marcha dun proceso de confluencia para as autonómicas

A Marea Atlántica participa este sábado, 16 de xaneiro, nun encontro de mareas municipalistas na Estrada que aspira a ser unha primeira toma de contacto para a posta en marcha dun proceso de confluencia para as eleccións autonómicas.

A xuntanza, que se desenvolverá de 10.30 a 19. 00 horas, no restaurante Sala Grandín (A Estrada) pretende servir para afondar no coñecemento mutuo, compartir opinións e bosquexar as vías de traballo polas que pode transitar un proceso de acumulación de forzas con posibilidades de gañar as eleccións ao Parlamento de Galicia.

A meta é articular o desexo común de levar ás institucións galegas as políticas da xente e para a xente, que xa se están a desenvolver nalgunhas das principais cidades do noso país, e que entraron no Congreso dos Deputados da man de En Marea.

Nesta cita elaborarase un mapa dos elementos necesarios para lograr a máxima implicación das distintas plataformas municipalistas nas vindeiras eleccións autonómicas, nun proceso verdadeiramente liderado pola cidadanía e marcado pola rebeldía democrática.

Cunha metodoloxía que favoreza  a máxima inclusividade e a participación de todas en pé de igualdade, as entidades convocantes agardan que este encontro sirva para dar o primeiro paso na creación dunha candidatura  que esperte ilusión e estea en condicións de recuperar Galicia para a cidadanía.

Se formas parte dalgún destes procesos municipalistas e queres participar no encontro, é preciso inscribirse neste formulario.

A Marea Atlántica participa este sábado nun encontro de mareas municipalistas na Estrada