Coas emendas aprobadas onte, o goberno provincial está obrigado a publicar na web a adxudicación dos contratos , cousa que se pode facer de xeito automático coa inminente informatización do servizo de contratación
Isto non significa, que todos os contratos deban saír a concurso público por pequena que sexa a súa contía, ao contrario do que recolleu erroneamente algún medio
No pleno da Deputación Provincial celebrado o 30 de marzo, o grupo da Marea Atlántica presentou dúas emendas á reforma das bases da execución do orzamento proposta polo goberno de PSOE e BNG, destinadas a mellorar a transparencia. Con estas modificacións, aprobadas polo plenario e co respaldo do grupo popular, o organismo provincial está obrigado a publicar na súa páxina web tanto a adxudicación de todos os seus contratos menores. Así mesmo, deberanse facer públicos tamén por este meidio -no perfil do contratante- aqueles contratos que se anuncien na prensa ou en diarios oficiais.
Trátase dun procedemento sinxelo e que, como explicou o voceiro da Marea, Daniel Díaz Grandío “poderá realizarse de xeito automático cando se complete a informatización de todo o servizo de contratación, que xa está en marcha”, como obriga a Lei de Transparencia.
Isto non significa, como publicou erroneamente algún medio de comunicación, que todos os contratos deban saír a concurso.
Estas propostas van na liña que mantén a Marea Atlántica desde o comezo da presente lexislatura, e que procura rematar coa opacidade na Deputación provincial. A publicación da adxudicación de contratos menores non é tecnicamente complicada e non supón atrancos adicionais. Levala a cabo só é cuestión de ter a vontade política de fomentar a transparencia, o mesmo que darlle máis publicidade no perfil do contratante a aqueles contratos que se anuncien na prensa ou en diarios oficiais.
A continuación, transcribimos literalmente as emendas aprobadas onte, 30 de marzo, polo pleno da Deputación.
Proposta de emendas:
No punto A) Normas comúns a todos os Contratos Menores, onde di:
Na tramitación dun contrato menor inferior a 18.000 euros (IVE excluído) se o órgano de contratación decidise publicar anuncios da convocatoria en diarios oficiais ou en prensa non se liquidará importe ningún ao contratista adxudicatario polo reintegro de gastos de anuncios a cargo de contratistas.
Debe dicir:
A tramitación dun contrato menor inferior a 18.000 euros (IVE excluído) debe publicarse na páxina web, no caso de que ademais o órgano de contratación decidise publicar anuncios da convocatoria en diarios oficiais ou en prensa non se liquidará importe ningún ao contratista adxudicatario polo reintegro de gastos de anuncios a cargo de contratistas.
Inclusión dunha cláusula co seguinte título e contido:
G) Publicidade da adxudicación.
As adxudicacións de todos os contratos menores, con independencia da súa contía e procedemento, deben publicarse na web.