Cómpre dotar de medios materiais e persoais aos xulgados, especialmente aos de Violencia de Xénero, para evitar situacións como as vividas onte na Coruña, no caso de Pedro Rañó, no que vítimas e testemuñas tiveron que atoparse cara a cara coas persoas ás que denunciaron
A Marea Atlántica quere recordarlle tanto á Xunta como as autoridades competentes a nescesidade de garantir unha cobertura xudicial digna para as mulleres e familias que sofren as violencias machistas.
O exemplo máis claro de que este dereito non se cumpre está no acaecido este martes, 6 de setembro, nos xulgados da Audiencia Provincial da Coruña, onde se celebrou o xuízo contra Pedro Rañó Espasandín, acusado de violación continuada sobre a súa filla e as súas tres fillastras durante nove anos, ademais de maltrato continuado sobre a súa parella, Patricia, nai das catro rapazas. O acusado permanece en prisión preventiva desde novembro de 2014.
Representantes da Marea Atlántica acudiron a este xuízo, xunto a outros colectivos sociais como Stop Desafiuzamentos Compostela, A Coruña e a Rede de Apoio Mutuo Ferrol Terra, co obxectivo de prestar todo o seu apoio e amosar a súa solidaridade tanto a Patricia como as súas fillas e ao resto da súa familia. O espectáculo que se vivíu non pode ser entendido nunha sociedade xusta que traballa por manter a autonomía e os dereitos de todas as persoas que a conforman.
Este martes, Patricia e as súas catro fillas, que durante anos sufriron agresións por parte do acusado, permaneceron durante máis dunha hora nos corredores da Audiencia Provincial da Coruña, a menos de 10 metros da familia de Pedro Rañó. Esta situación, de grave tensión emocional, acabou provocando unha crise de ansiedade a unha das mulleres.
A resposta foi unicamente chamar ao 061, mais ninguén se ofreceu a separar aos dous grupos, en espazos separados e diferenciados durante a espera. Posteriormente, dentro da sala na que se produciu o xuízo, esas catro mulleres, que denuncian unha situación de violencia continuada durante anos no ámbito familiar, foron obrigadas a declarar cara a cara co seu suposto agresor, sen un biombo, malia que o solicitaron por escrito previamente.
A necesidade de recortes nas administracións, a crise económica ou a falta de recursos nunca poderán ser escusa para permitir unha situación coma esta. Marea Atlántica quere recordar, poñendo o foco neste triste exemplo, que as violencias machistas non se producen só no momento das agresións, senón que perduran durante anos, se estenden e se perpetúan ao tolerar que se produzan situacións como a vivida hoxe.
Ao maltrato súmase o desafiuzamento
Patricia e as súas fillas enfrontáronse durante anos a unha situación de violencia sen precedentes que non rematou co encarceramento de Pedro Rañó. Hoxe, as institucións públicas non foron quen de coidalas, de afastalas desa violencia, como tampouco deixaron de sufrila no momento no que unha entidade financeira como é Bankia (rescatada polo Estado con miles de millóns de axudas públicas) iniciou hai uns meses un proceso de desafiuzamento contra Patricia, que conta cuns ingresos mensuais de 426 euros, e que posúe unha vivenda na que, sobre o papel, o cotitular da mesma segue a ser Pedro Rañó.
Sen a sinatura da persoa á que ela e ás súas fillas acusan de agresións continuadas non pode actuar sobre a súa hipoteca, nin acollerse ao código de boas prácticas, nin solicitar unha dación en pago. As violencias machistas non duran o que duran as agresións.
Ao fío deste caso, Marea Atlántica quere recordar á Xunta de Galicia a súa obriga, á hora de dotar de medios materiais e persoais aos xulgados específicos de Violencia de Xénero. Radicados na Coruña e en Vigo, viven unha situación próxima ao colapso, segundo denuncia parte do cadro de persoal dos mesmos. É preciso garantir espazo dignos e seguros, como é preciso evitar que familiares de vítimas e testemuñas teñan que atoparse coas persoas ás que denunciaron.