Na Rede celebrada onte, acordouse por consenso iniciar os traballos para construír unha opción de cambio que gañe a Xunta para a xente do común en 2016
A Rede, o máximo órgano de toma de decisións da Marea Atlántica, acordou onte encomendarlle ao grupo de traballo de Apertura o inicio dos traballos que conduzan á construción dun proceso de confluencia para as eleccións autonómicas de 2016.
Co respaldo dunha decisión de consenso tomada entre os e as mareantes, o grupo de traballo de Apertura comezará desde hoxe os contactos con outras iniciativas municipalistas, forzas e plataformas políticas para constituír unha opción de cambio que estea en condicións de disputarlle ao Partido Popular a maioría no Parlamento de Galicia.
Os resultados das eleccións municipais de maio e do pasado 20D demostraron que só un proceso cidadán, feito de abaixo arriba e radicalmente democrático ten posibilidades de gañar a presidencia da Xunta para a xente común. Por iso a Marea Atlántica acordou implicarse de xeito activo na súa construción desde o primeiro momento.
Non podemos permitir que se deteña o ciclo de cambio que abriu os concellos á cidadanía. Desde A coruña, Santiago e Ferrol, desde Barcelona, Madrid, Cádiz, Zaragoza estamos a demostrar que a política pode facerse doutro xeito, poñendo as persoas antes que aos bancos, escoitando á veciñanza e mantendo a transparencia. E non afundimos no mar, non chegaron o caos e a inestabilidade que agoiraban os adoradores do inmobilismo.
É tempo de facer o mesmo coa Xunta de Galicia, de rematar con oito anos de políticas de austeridade, destrución de emprego, subasta dos nosos recursos naturais, de privatizar a sanidade, de afogar a quen pasa por unha situación de emerxencia social e de desprezar a nosa lingua e a nosa cultura. No 2016, a primavera democrática ten que entrar no Hórreo, en San Caetano, en Montepío… e ten que facelo sen renunciar aos principios que nos levaron ata os gobernos municipais. Por nós, non vai quedar.
Hai Marea!