Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

A través desta moción, recolle a iniciativa das asociacións Amizando, Colectivo Trans Adulto, Arelas, Asociación de Familias de Menores Trans e Ultreia LGTBI

O grupo municipal reclama tamén  a posta en marcha dun Consello Local de Saúde, impulsada por SOS Sanidade Pública

O grupo municipal da Marea Atlántica Goberno presentará dúas mocións no Pleno ordinario que se celebra este luns, 6 de marzo, no Pazo de María Pita. Nelas, proporá a creación dun  Consello Local de Saúde, e pedirá o apoio da corporación para pedirlle ao Parlamento de Galicia que tramite dunha vez a Lei Galega de Identidade de Xénero, para rematar cos problemas legais das persoas transxénero.

A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, explica que o Consello Local de Saúde ten como obxectivo funcionar como “un instrumento de participación cidadá, como un lugar de debate e achegas para desenvolver políticas destinadas a mellorar a
saúde da poboación coruñesa”.

A moción preséntase en base a unha petición co colectivo SOS Sanidade Pública, que entende que este órgano de carácter consultivo pode ser un espazo de participación multisectorial da cidadanía coruñesa. A responsable municipal recorda que “o concello é o ámbito de convivencia por excelencia polo que é un lugar idóneo para articular unha reorientación das políticas públicas cara á saúde”.

 

Contra a discriminación das persoas trans

Por outro lado, o grupo de Goberno, por boca da concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, presenta outra moción que procura o apoio do Pleno para instar ao Parlamento de Galicia a que aprobe nesta lexislatura unha Lei de Identidade de Xénero de Galicia, a partir da proposta realizada o pasado febreiro polas asociacións Amizando, Colectivo Trans Adulto, Arelas, Asociación de Familias de Menores Trans e Ultreia LGTBI.

“A normativa autonómica pola Igualdade de Trato e a Non Discriminación de persoas Lesbianas, Gays, Transexuais, Bisexuais e Intersexuais en Galicia revelouse como claramente insuficiente, e descoñecedora de cal é a realidade das persoas trans, que afrontan multitude de trabas, problemas e diversas formas de discriminación na súa vida cotiá”, resalta Fraga.

“Á histórica visibilización das persoas transxénero, súmaselle nos últimos anos a loita de familias con menores trans. Non obstante, é debido á pasividade do Goberno galego que estas persoas, aínda hoxe, non poidan gozar dos mesmos dereitos que o resto da poboación. É preciso acabar con esta situación”, indicou a concelleira.

A Marea Atlántica defende no pleno a creación dunha Lei Galega de Identidade de Xénero