Urxe tomar medidas perante a emerxencia habitacional que leva décadas a ser ignorada pola maioría das institicións
Desde a Marea Atlántica, queremos expresar o noso apoio á folga xeral pola vivenda, convocada polo Sindicato de Inquilinas para o vindeiro 11 de novembro, e facemos un chamamento á toda a veciñanza para que se sume a esta iniciativa, destinada a reclamar medidas que garantan o dereito fundamental a unha vivenda digna.
O amplo movemento social que xurdiu en todo o Estado tras o símbolo que foi o cruel desafiuzamento de Maricarmen é unha resposta cidadá á emerxencia habitacional que medra ano tras ano sen a debida resposta instiutucional. O prezo do alugueiro non para de medrar a un ritmo ao que os salarios nin se achegan, a proliferación de pisos turísticos convirte os fogares en mercadoría e a promoción de vivenda pública está en mínimos históricos.
Na Marea Atlántica sempre tivemos claro que a loita pola vivenda é esencial, e así o impulsamos desde María Pita tanto no goberno coma na oposición, con medidas de promoción do parque público, apoiando a declaración da cidade como zona tensionada e chamando, antes que ningún outro grupo político, pola regulación dos pisos turísticos. Por iso agora apoiamos as medidas que reclama o Sindicato de Inquilinas, como o control dos prezos de alugueiro, as maiores garantías para as persoas que alugan, a creación dun parque de vivenda pública e a recuperación dos pisos baleiros para que poidan ter un moi necesario uso habitacional.
