Na Rede celebrada onte, a plataforma cidadá decidiu participar na campaña das eleccións xerais
Porén, a Marea Atlántica non entrará a formar parte dos órganos internos da coalición de Podemos, Anova e Esquerda Unida, onde que foi convidada con voz pero sen voto
A Rede da Marea Atlántica acordou onte, por consenso, pedir o voto para a candidatura de En Marea ás eleccións xerais do 26 de xuño, por entender que comparte obxectivos e espazo político coa plataforma municipalista coruñesa. E, por maioría, decidiu tamén participar na campaña electoral.
Porén, os e as mareantes rexeitaron onte integrarse na mesa coordinadora da coalición formada por Podemos, Anova e Esquerda Unida. A Marea Atlántica fora convidada a participar nela con voz pero sen voto, ao igual que outras iniciativas municipalistas das sete cidades galegas. Unha rotunda maioría da Rede considerou insuficiente a oferta para poder participar con garantías en En Marea.
Deste xeito, a Marea Atlántica renova o acordo que tomara para as anteriores eleccións xerais, por responsabilidade e a pesar de que as promesas de apertura de En Marea, realizadas hai seis meses, nunca chegaron a materializarse.
O cambio que entrou hai un ano nos concellos ten que chegar tamén ás institucións do Estado, para consolidar a ruptura democrática que demanda a cidadanía. E, hoxe en día, En Marea é a opción política que mellor representa eses valores, a pesar das súas diferenzas coas plataformas cidadás coma a propia Marea Atlántica . É preciso renovar o goberno central neste 26 de xuño, e o da Xunta no vindeiro outono, para desterrar de vez as políticas antisociais e austericidas que nos levaron á situación de emerxencia social que estamos a vivir.
Marea Viva para as autonómicas
Na Rede tamén se trataron outros puntos informativos. Trasladouse a situación da Marea Viva, o espazo de confluencia para as eleccións autonómicas impulsado polas Mareas En Común, pero aberto a todas as forzas do cambio. Vén de rematarse a fase de propostas iniciais, na que se recibiron 21 achegas: oito sobre o proceso de primarias, cinco para a organización interna da confluencia, catro para o código ético que deberán seguir os cargos electos e outras catro sobre a forma de goberno que se levará a cabo na Xunta de Galicia e os posibles pactos con outras forzas políticas.
Os grupos redactores traballan agora para mellorar, modificar e transaccionar as propostas similares. Serán debatidas polo plenario, en persoa, na seguinte fase da Marea Viva, a Marea Alta, que se celebrará o 5 de xuño.
Ademais, o grupo municipal informou da aprobación das contas do Concello da Coruña, no pleno deste luns, e do proceso de orzamentos participativos para 2017, iniciado onte mesmo.
Os comentarios están pechados.